DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa coordinada pola profesora Silvia García e tres alumnas da facultade

Belas Artes guía o alumnado do CEIP A Xunqueira II na creación dun mural de “plantas inventadas”

Previamente abordaron nas aulas a idea da arte táctil

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/05/2024

Plantas, xardíns, árbores e personaxes ideados polos nenos e nenas do CEIP A Xunqueira II, para un proxecto de mural táctil. Esta é a proposta que o alumnado de educación infantil deste centro desenvolveu nos últimos días baixo a guía da profesora de Belas Artes Silvia García e tres alumnas desta facultade. Tras levar a cabo cos nenos e nenas unha serie de actividades centradas na percepción da arte dun xeito táctil e nas texturas e formas do mundo natural, a iniciativa completouse nesta xornada coa creación dunha serie de pezas dirixidas a conformar un “proxecto de mural táctil de plantas inventadas”, como apunta García, que penduraron na aula.

Como explica esta docente, esta iniciativa naceu dunha petición de colaboración á facultade por parte do colexio, co propósito de poder traballar cuestións relativas á arte co alumnado de infantil. Tomando como punto de partida a súa experiencia previa en iniciativas como as exposicións Proxecto Táctil, que reunían creacións artísticas ideadas para ser percibidas a través do tacto, García optou por centrar este proxecto “na idea do táctil e das plantas e a contorna natural”. Aberta á participación do alumnado da facultade, ao proxecto sumáronse as estudantes da materia Transmisión, mediación e educación artística Noelia Castellano, Susana de Castro e Britney Ceballos.

Esta iniciativa arrancou o martes cunha serie de actividades nas que nenos e nenas tiñan que “recoñecer obxectos ou texturas no interior dunha caixa” e que serviu como punto de partida para abordar cuestións como a realidade que enfrontan no seu día a día as persoas cegas ou “como a negativa presenza de pantallas fai que a predominancia do visual sexa un problema do que non somos conscientes”, como sinala García. Tras esta, docente e estudantes levaron posteriormente a nenos e nenas a “inventar plantas e un mundo vexetal. Xa este mércores, as creacións xurdidas destes talleres deron lugar a dous resultados finais. No caso dos nenos e nenas máis novos, creáronse dous “libros colectivos” coas súas creacións, mentres que o labor realizado co alumnado de último curso de infantil, que debía “inventar plantas que se poidan tocar” con tea e papeis, levou a deseñar un proxecto de mural.