DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizaranse cunha copiadora Riso, eixo dun curso de iniciación que terá lugar o vindeiro xoves

Belas Artes impulsa unha convocatoria para editar dúas publicacións da comunidade universitaria

O taller abordará o funcionamento da máquina e o proceso de maquetación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Académica
DUVI Pontevedra 25/10/2019

A Facultade de Belas Artes conta, desde o pasado curso, cunha multicopiadora Riso SF9350, que permite facer pequenas publicacións, caracterizadas ademais polo singular rexistro matérico que as tintas deixan no papel. Presentar á comunidade universitaria o funcionamento e mecánica básica desta maquinaria é un dos obxectivos centrais do curso de iniciación que se desenvolverá neste centro o vindeiro xoves e que servirá tamén para presentar a convocatoria Error es bien. Publica en Riso, unha iniciativa aberta ao conxunto da comunidade universitaria e na que seleccionarán dous proxectos para ser editados con esta copiadora.

Promovido grazas ás axudas a actividades extraacadémicas e de difusión cultural da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, este curso de iniciación á risografía mantén aberta a súa inscrición, a través do correo erroresbien@gmail.com e desenvolverase o vindeiro xoves 31, en horario de 16.30 a 20.00 horas. Impartido polo profesor da facultade Marcos Covelo, a actividade abrirase “cunha pequena introdución histórica ao que é a risografía”, para logo abordar o funcionamento e mecánica básica desta multicopiadora e centrarse finalmente no proceso de edición e maquetación dos proxectos para a súa impresión con esta maquinaria. “Ese será o punto central do curso, xa que a risografía implica unha maneira moi particular de editar”, explica Covelo, coordinador desta actividade, organizada coa colaboración do alumno de doutoramento Juan Fontaíña.

Presentación da convocatoria

Con preto de 40 inscritos e inscritas ata o momento, esta actividade servirá tamén para presentar a convocatoria Error es bien, “explicar a quen estará dirixida e os requisitos”, apunta Covelo. Segundo indica, trátase dunha convocatoria aberta a toda a comunidade universitaria, que poderá presentar os seus proxectos para a realización “dunha pequena publicación” facendo uso desta maquinaria. Un comité integrado por representantes do Decanato e dos departamentos de Pintura, Debuxo e Escultura da Universidade será posteriormente o encargado de seleccionar os traballos que vaian ser editados, tendo en conta aspectos que van da súa calidade e interese á súa viabilidade, “xa que a máquina ten unhas particularidades”, como lembra Covelo, que sinala así mesmo que se trata dunha convocatoria que buscará “a pluralidade”, tendo en conta que a copiadora Riso permite “permite traballar non só como unha publicación, senón que tamén se pode facer obra artística a través da multiplicación”.