DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha exposición que reúne as creacións de estudantes, titulados e tituladas

Belas Artes leva ao Museo de Pontevedra doce artistas que expanden a pintura máis aló do lenzo

Comisariada polo investigador Carlos Fer, inaugurase este mércores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/05/2024

Pregar a pintura é o título da exposición que o Museo de Pontevedra inaugurará este mércores 22 e que se insire na colaboración desta institución coa Facultade de Belas Artes. Co investigador Carlos Fer como comisario, esta mostra reúne as creacións de doce artistas formados neste centro e conectados por un concepto común, ter desenvolvido obras nas que a pintura se expande máis aló das dúas dimensións do lenzo. Trátase, como sinala o comisario, de pezas que “reformulan o concepto do cadro como xanela, para incorporar linguaxes máis relacionadas coas existencia humana e fuxir da bidimensionalidade inexistente na natureza”.

Coa participación tanto de estudantado de grao e doutoramento como de artistas que remataron os seus estudos na facultade nos últimos anos, esta exposición pretende “debuxar un retrato actual da Facultade de Belas Artes”, como sinala Fer, estudante de doutoramento e investigador do grupo dx5 (Digital & Graphic Art Research). Con ese obxectivo, a mostra reúne as creacións de doce representantes dunha xeración de artistas “marcada polo dixital”, pero que “crean unha arte prófuga do puído das pantallas, fuxitiva do plano virtual”. Pregar a pintura inaugurase este mércores 22 ás 19.30 horas, nun acto que contará coa participación do vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez e do vicedecano de Cultura de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre. 

Esta exposición poderá visitarse ata o 21 de xullo no claustro do Edificio Sarmiento e dá continuidade á liña de colaboración entre museo e facultade, tomando o relevo das exposicións organizadas conxuntamente en anos anteriores, como foi o caso de Campo de sementes 2, que puido verse entre novembro e xaneiro.

Pregues que se converten en elementos pictóricos

Como recolle o seu texto de presentación, a mostra “escenifica unha realidade da pintura cada vez máis presente”, a presenza de pregues ou dobreces que se converten nun “elemento pictórico, compositivo, configurador e conceptual”, que fan que o cadro deixe de ser unha “superficie bidimensional”. Esta idea faise patente en propostas que transforman fisicamente a propia estrutura do cadro, como as do estudante de doutoramento Alberto Ardid, ou o Bastidor roto do alumno de grao Manuel Balsas. Do mesmo xeito, esta reformulación da idea da pintura define creacións como as da investigadora Tatiana Lameiro, que “xoga coa matriz e o desfeito na gráfica”, ou Sabela Condesa, quen “deixa secar a pintura para xogar con ela”, converténdoa nun material tridimensional.

Outros proxectos propoñen reinterpretacións das cartografías e da superficie do territorio, como o cúmulo de fragmentos de papel pintado de Julio Catalán, quen presenta unha serie de “mapas pintados” que posteriormente “rompen en pequenas illas”. A idea do territorio define tamén pezas como a da estudante Isis Huerga, que “explora a memoria e a identidade a través dos mapas”, ou a de Ruth Vidal, que emprega unha pintura serigráfica de relevo, convertida “nun material tridimensional” ao aplicarlle calor. A graduada Sol Mussa, pola súa banda, expón “un globo terráqueo pregado para caber nunha bolsa de viaxe coas medidas permitidas” polas compañías aéreas de baixo custo.

Por outra banda, o traballo con tecidos conecta as creacións das estudantes Cristina Souto e Goa Vázquez, quen presenta unha peza nacida dunha investigación relacionada coa arte ecolóxica. Pola súa banda, Andrea Otero achega unha “composición caótica de recortes irregulares de camisetas e pantalóns”, mentres que a alumna de doutoramento Sara Piñeiro crea “unha gran pel que recobre un bastidor invisible”, nunha pintura “feita de centos doutras imaxes”.