DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo estrea plataforma de automatrícula

Belas Artes matricula aos seus primeiros estudantes de grao co programa "Xescampus"

Preténdese implantar a plataforma en todas as titulacións o vindeiro ano

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 21/07/2008

Coa estrea da nova plataforma de automatrícula para os estudantes que se inscriben no primeiro curso do grao en Belas Artes, a Universidade consolida o proceso de implantación das novas tecnoloxías en todos os sistemas de xestión académica e administrativa. Así o confirmou a xerenta da institución académica, Ana Fernández Pulpeiro, con motivo da posta en funcionamento do programa Xescampus, unha plataforma on-line coa que os alumnos poden matricularse dun xeito cómodo, rápido e sinxelo. “É un paso moi importante para a Universidade, xa que vemos como a última tecnoloxía se incorpora totalmente aos procesos académicos e progresivamente a todos os outros ámbitos”, subliñou Fernández Pulpeiro.
Con este novo sistema, dirixido aos estudantes que se inscriban no primeiro curso do grao en Belas Artes e nos másteres oficiais que oferta a Universidade, a institución preténdese posicionar “no lugar no que debe estar, ao carón das novas tecnoloxías”, apuntou a xerenta, ao que engadiu que “é un trámite moito máis áxil tanto para o alumno como a nivel administrativo, onde xa se pode percibir unha mellora substancial”.
Ata o vindeiro mércores, 23 de xullo, prolóngase o prazo que teñen aqueles estudantes previamente admitidos nas titulacións con límite de prazas para conformar a súa inscrición, a través do programa Xescampus para o caso de Belas Artes e mediante a habitual plataforma da Universidade para o resto das titulacións. O resto dos estudantes, os de segundo curso en diante, terán que esperar a setembro para formalizar a matrícula, cando se espera o maior número de solicitudes.

Adeus ás interminables filas

A nova aplicación informática que teñen a súa disposición os estudantes que se vaian a matricular no primeiro curso no novo grao en Belas Artes, permite realizar todo o proceso dun xeito moito máis rápido, esquecendo as interminables filas que caracterizaban ao sistema tradicional.
Para acceder á plataforma Xescampus, os alumnos soamente precisan un ordenador con conexión a internet e, entrando na web https://matricula.uvigo.es/matriculaprimeiro, en cuestión de poucos minutos xa terán realizada correctamente a súa inscrición. Na primeira pantalla teñen que introducir o seu DNI para que aparezcan todos os seus datos, tendo que confirmar as restantes follas para finalmente recibir o resgardo da matrícula. “É moito máis sinxelo que antes”, comentaba Ernesto Solla, o primeiro alumno do novo grao en Belas Artes que explicaba que, “a verdade é que desde hai moito tempo quería estudar esta carreira e coincidiume que agora que podo, vou cursar unha titulación xa adaptada a Europa”. Pola súa banda, unha compañeira subliñou a rapidez e a comodidade que ofrece o Xescampus, “ademais de ser sinxelo, permítenos aforrar moito tempo”, engadiu Esperanza González.
Todos aqueles alumnos que o desexen poden achegarse ata a Facultade de Belas Artes, onde está instalada unha sala con ordenadores, escáneres e impresoras, onde poderán facer a súa inscrición. De tódolos xeitos, comentaba unha das responsables da xestión da matrícula, “moitos o están facendo desde a súa casa, de xeito que evitamos colas e multitudes”.

Os primeiros alumnos adaptados a Europa

A partir do mes de setembro, a antiga licenciatura en Belas Artes convivirá co novo grao adaptado a Europa, no que hoxe xa se matricularon os primeiros estudantes. 140 son os convocados para un límite de 130 prazas, “xa que logo sempre se moven as listas de espera e moitos dos admitidos non se inscriben, deixando vacantes”, explicou o decano da Facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia. O responsable da primeira titulación da Universidade adaptada a Boloña, destacou que “foi un traballo moi duro e o que vén será igual de duro, con moito traballo, pero xa sabemos que estamos a facer as cousas ben e seguiremos adiante”. Ademais, Barcia apuntou que “queda o último tirón, pero ver como se matriculan os primeiros alumnos do novo grao, é unha satisfacción”.
Os rapaces que estean cursando actualmente a carreira de Belas Artes terán a opción de continuar co plan antigo ou de pasarse ao novo, tendo que convalidar algunhas materias para realizar a adaptación.