DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de tres institucións toman parte nesta iniciativa da Cámara Municipal

Belas Artes participa de novo nun proxecto que promove a creación conxunta de obras inspiradas en Monção

Os cadros realizadas serán intervidos novamente por outros participantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/12/2022

Ata o 29 de xaneiro pódense contemplar no Museu do Alvarinho de Monção, os lenzos realizados conxuntamente por seis estudantes da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e da Escola Superior Artística do Porto (ESAP), inspirándose nas paisaxes desta vila portuguesa. Trátase dos primeiros resultados dunha nova edición do proxecto Arte em Trânsito, que a Cámara Municipal pon en marcha co obxectivo de promover a produción de arte contemporánea tomando como fonte de inspiración as paisaxes de Monção. Mais, ao igual que na anterior edición, os cinco cadros que poden contemplarse nestas semanas non serán os resultados finais deste proxecto, xa que as obras serán novamente intervidas, en dúas ocasións, por outros grupos de estudantes das tres institucións participantes.

Coordinado polo xestor cultural Ricardo Campos, Arte em Tránsito promove a creación dun traballo artístico en tres momentos diferentes que dea lugar, á súa vez, a tres exposicións diferentes. Nese senso, as obras realizadas en outubro polas estudantes seleccionadas serán obxecto “dunha nova abordaxe artística” por outro grupo de alumnos e alumnas das tres institucións educativas. “Para o alumnado, estes encontros son importantes, porque ademais de gozar moito da experiencia, vena como unha posta en práctica dos coñecementos adquiridos no grao”, salienta a secretaria académica da Facultade de Belas Artes, Chelo Matesanz, respecto da participación do centro do campus pontevedrés nesta iniciativa. “É unha das súas primeiras experiencias profesionais fóra do ámbito da facultade”, sinala, na que ademais, “comparten e contextualizan a súa propia práctica pictórica co alumnado doutros centros de formación similar”. 

Unha “simbiose artística” inspirada pola natureza

As alumnas do campus pontevedrés Lidia Amado e Nerea Gundín, os estudantes da ESAP Ari Vicentini e Mariana Máximo e as alumnas do IPVC Filipa Correia e Bárbara Braga foron as responsables de pór inicio á nova edición deste proxecto, que deu como resultado as obras que nestas semanas se exhiben na Sala Terroir do Museu do Alvarinho. “Eramos seis artistas e había cinco lenzos nos que tiñamos que ir interferindo ao longo da experiencia”, explica Amado, que recoñece como “verdadeiramente emocionante” a experiencia que viviron na Quinta do Hospital, unha das adegas do municipio. “Polo xeral non estamos acostumados a compartir algo tan íntimo como un lenzo e esta experiencia supuxo unha ruptura nese ámbito”, recoñece esta alumna, que viu neste proceso de traballo conxunto unha sorte de “conversa” coas restantes participantes, “coas que parecíamos estar nunha especie de simbiose artística naqueles instantes”. Nese mesmo sendo, Nerea Gundín destaca que o interesante dunha experiencia que leva “pensar en como intervirá outra persoa sobre o teu traballo, achegándolle linguaxes diferentes e outros significados”.

No seu caso, a propia contorna da quinta converteuse no punto de partida para un traballo no que, recoñece, “inspiráronme as cores das vides, que se estendían por toda a paisaxe”, ao igual que “a idea de conexión coa natureza”. Esa mesma idea, das “sensacións que creaba en nós a natureza que nos rodeaba” son tamén destacadas por Amado como a fonte de inspiración do traballo realizado no marco desta iniciativa, que as dúas alumnas da facultade iniciaron de feito dando forma a un lenzo inspirado na natureza que rodea esta adega, coa “idea principal” de representar a unha muller “recostada na herba e sendo abrazada por esta”.