DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Fundación RAC acolleu a presentación do número cero da colección ANUARIO/OBRA

Belas Artes presenta unha publicación única no contexto académico

Editada en risografía, exclusivamente en papel e cunha tiraxe limitada 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 21/05/2021

Editada unicamente en papel, cunha tiraxe limitada a 300 exemplares que, ademais, presentan diferencias entre eles, derivadas do proceso de autoedición en risografía, a colección ANUARIO/OBRA de Belas Artes nace co obxectivo de ser “distinta ás que existen no ámbito académico e científico”. Así o salientaron os seus impulsores na presentación este venres, na sede da Fundación RAC, do número 0 desta publicación, que reúne unha serie de reflexións e creacións gráficas de 51 docentes, investigadores e artistas en torno ao concepto do lapsus calami, o erro que se comete involuntariamente ao escribir a man.

“Nun momento no que se impuxo o dixital e o online, parecíanos importante a recuperación do soporte impreso e do seu tacto, explorar a aventura do libro de artista físico, no que a imaxe e o papel tiveran un protagonismo fundamental”, salienta o profesor Nono Bandera, editor executivo desta publicación, que presentou xunto co director do seu consello editorial, o catedrático emérito Juan Fernando de Laiglesia, e o membro do consello e responsable do deseño deste anuario, Marcos Covelo. Editada co apoio do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, este volume constitúe un dos primeiros traballos do selo Error es Bien, impulsado pola facultade para promover a autoedición de diferentes publicacións facendo uso da súa máquina Riso SF9530, un híbrido entre serigrafía e fotocopiadora caracterizado polo singular rexistro que as tintas deixan sobre o papel, que dan lugar a certas imperfeccións ou erros que fan que cada un dos 300 exemplares sexa único. “A risografía outorga á publicación un carácter singular que dalgunha maneira a converte en obra gráfica”, salienta Bandera, que destaca o “novidoso” dentro do “ámbito académico e universitario” deste proceso de autoedición dunha publicación, “realizada, deseñada e manufacturada na propia facultade”. 

“O dixital ten un percorrido enormemente eficaz no mundo contemporáneo, pero a reflexión sobre o papel é un pouco o latexo do pensamento”, engade De Laiglesia dun proxecto que “dunha maneira pouco frecuente busca recuperar o xesto plástico e físico sobre o soporte papel”. Tras presentarse no Centro Galego de Arte Contemporánea e no Marco de Vigo, esta colección e os contidos do seu número correspondente a 2020 foron debullados nun acto ao que asistiron o vicerreitor do campus, Jorge Soto; o decano, Xosé Manuel Buxán, e a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración, Eulalia Agrelo. Coordinada por un consello editorial que completan as docentes Chelo Matesanz, Anne Heyvaert e Marcos Dopico e o estudante Abraham Alonso, Error es Bien conta cun comité científico integrado por máis de 60 académicos e profesionais de diferentes países, entre os que se atopan docentes das 14 facultades de Belas Artes de España.

Creacións e reflexións que parten do erro

Un total de 51 autores e autoras, “na súa maioría artistas plásticos, pero tamén tecnólogos, psicólogos, expertos en comunicación, crítica e comisariado” afondan nesta publicación, “desde moitos puntos de vista” nesa idea do “pequeno erro ao escribir co que se abre unha ventá cara aquilo que está no interior das intencións, perro non acaban mostrándose”, salienta De Laiglesia. Xunto a docentes, estudantes e egresados da facultade, conta tamén coas achegas de artistas e docentes “das facultades de Altea, Barcelona, Granada, Salamanca e California e da Universidad Nacional de Arte de Bos Aires”, destacou Bandera, que salienta o “enriquecedor” de implicar neste “proxecto colaborativo” a profesorado de diferentes países.

As súas achegas dan forma ás seccións deste anuario, “todas interconectadas e que xiran en torno ao erro en todas as súas dimensións”, sinala Bandera. Así, a sección PÚA reúne artigos breve dos docentes da facultade Juan Luis Moraza, María José Fabello, Elena Lapeña e Román Corbato, xunto cos de Juan Antonio García Merino, Joan Descarga, Juan Martín Prada e Juan Pablo Orduñez. Por outra banda, o apartado IN/OUT reúne tres conversas arredor desta temática, “nas que a relación entre o texto e a imaxe é permanente”. Trátase, en concreto, dun diálogo entre a profesora Almudena Fernández Fariña e a investigadora Isabel Flores, outro entre María José Zanón, Juan Francisco Martínez e Inma Mengual, e un terceiro entre Andrea Vivina Zelaya, Eduardo Medici, Alejandro Schianchi e Jorge Zuzulich.

O apartado UN BORDE, dirixido a presentar “propostas plásticas de utopía realizable e levar ao límite a expresión plástica”, agrupa achegas dos profesores Ignacio Pérez-Jofre, Juan Carlos Román e Juan Loeck, xunto coas de Yolanda Ríos, Ramón Losa, Antonio Navarro, Sae Aparicio, Alex Nogué e Enrique Leal. Esta combinación de reflexión e creación complétase con VERTEBRADOS, unha “galería de gráficas imprevistas” na  que 21 artistas dan forma a unha “fervenza de imaxes moi atractivas e ricas en diversos planeamentos”, salienta Bandera. Entre as e os participantes figuran artistas “cunha destacada traxectoria profesional e outros máis novos”, xa que buscaron tamén “incorporar alumnos e egresados da facultade para dar visibilidade o seu traballo”. Por último, a publicación complétase coa sección QUIZÁS, dirixida a incorporar, nos números que sexa preciso, outra serie de contidos non previstos inicialmente.

Do erro ao errante

Este acto serviu tamén para presentar a convocatoria aberta para o número 1 deste anuario, que xirará en torno á idea “do bo errar”, unha temática que, como explica o seu director, parte dun “aceno ao Xacobeo" para xerar unha reflexión “sobre que tipos de errar existen, desde o turista ou o explorador ao problema das migracións e a represión ao errar".