DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixida a visualizar o papel da muller na arte a partir das recomendacións de oito docentes

Belas Artes propón ‘8 mulleres para o 8M’

Cada semana difundirán na súa web e nas redes sociais as obras escollidas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI 08/03/2021

8 mulleres para o 8M é o título dunha proposta impulsada desde a Facultade de Belas Artes con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller e coa que tratará, segundo explica na súa web, tanto “visibilizar o papel da muller na arte contemporánea”, como “pór de manifesto a capacidade de moitas artistas para facer fronte ao pensamento dominante e incidir en cuestións relacionadas co xénero, o social e o político, moitas das cales aínda non foron totalmente resoltas”. Para iso, pedíuselle a oito profesoras e profesores que recomendasen unha ou dúas obras dunha artista do seu interese, que, a partires deste luns, irán difundindo cada semana a través da web e das redes sociais, incluíndo unha breve explicación e indicando os motivos da escolla realizada por cada docente.

A iniciativa arrincou este luns coa recomendación de Mar Caldas, que escolleu dúas imaxes de Valie Export (Linz, 1940), “pola súa forza, potencia visual e capacidade para facernos reflexionar sobre as políticas de xénero”. Trátase, por unha banda, de Action pants: Genital Panic (1969), unha “acción realizada nunha sala de cine de Munich, na que a artista recortou a entreperna dos seus vaqueiros e interrompeu a proxección do filme camiñando polas butacas e amosando ao público os seus xenitais”. Xunto a esta obra, Caldas seleccionou tamén From the Portfolio of Doggedness (1968), na que “a artista pasea polas rúas de Viena levando de paseo cunha correa, como se fose un can, ao seu colaborador Peter Weibel”, imaxe da que Caldas destaca como unha “sinxela estratexia de inversión de roles (feminino e masculino) consigue evidenciar as relacións de dominación existentes”.