DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O TFG de Iago Fontoira obtivo I Premio Talento Artístico Ahorro Corporación Financiera-Iberlending

Belas Artes triunfa nun certame ao que concorreron titulados de toda España

O tamén egresado Diego del Río obtivo un dos accésit

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 14/09/2018

Un total de 81 obras de titulados e tituladas de 13 universidades españolas concorreron á primeira edición do Premio Talento Artístico Ahorro Corporación Financiera–Iberlending, un certame ao que podían concorrer obras xurdidas como traballos de fin de grao e fin de carreira de alumnado de Belas Artes de toda España e no que triunfaron dous proxectos defendidos na facultade do campus pontevedrés. O espazo apropiado, obra que constitúe o traballo de fin de grao de Iago Fontoira foi a seleccionada polo xurado deste certame como gañadora dun primeiro premio que conta cunha dotación económica de 6000 e ao que se sumaron dous accésit, cunha dotación de 3000 euros, outorgados a Paloma Peña e ao tamén egresado da Facultade de Belas Artes Diego del Río pola súa obra Vaxholm.

Un total de 19 obras, das 81 que concorreron a este certame, foran previamente seleccionadas para a exposición que na tarde deste xoves se inaugurou na sala de exposicións Alcolea de Madrid, onde tivo lugar tamén a entrega de premios. “É unha grande oportunidade e recoñecemento nada máis saír da Universidade", recoñece Fontoira dun galardón que lle achega  tanto "unha alegría tremenda e un orgullo por ser o primeiro premio", como a "responsabilidade e medo de saber estar a altura", e ao que suma a posibilidade de expor o seu traballo unha mostra que poderá visitarse ata o 23 deste mes. "Foi unha sensación moi bonita a da exposición, onde puiden explicarlle á xente de que trababa a obra e o que me levara a facela", sinala da inauguración da exposición na que recitou o poema que xa acompañara á presentación na facultade do seu TFG, no que tivo como titores a Susana Cendán e Nono Bandera. Por outra banda, o positivo de dar a coñecer o traballo é tamén un dos aspectos salientados polo seu compañeiro de promoción Diego del Río, que incide “que non se trataba só de optar a un premio desta contía, senón que o propio feito de expor en Madrid xa é moi importante”.

Arte nacida dun conflito interno

Articulada a partires de xilografías que foi recollendo na facultade, O espazo apropiado é unha obra que, como explica Fontoira, “nace dun conflito interno, de dúas realidades que convivían entre si e que nun momento dado enfrontáronse entre elas”. Para o seu traballo de fin de grao, este egresado partiu da idea dd "recuncho" para abordar as propias limitacións que lle “bloqueaban e anulaban como creador”, ata enfrontalas “dunha forma consciente e visceral”, articulando unha obra que podería definirse como “unha escultura, unha instalación ou tal vez unha pintura expandida”, na que a idea de esquina abriulle “un mundo de dualidades”, no que conviven “a singularidade a través da pluralidade, o visceral fronte a racionalidade, a propiedade dentro do espazo público...”

O enigmático inverno sueco

Unha viaxe á sur de Suecia foi o punto de partida ao traballo polo que Diego del Río era tamén premiado neste certame. “As súas paisaxes naturais posuían un carácter enigmático e difícil de describir. O inverno sueco estaba empapado de silencio, baleiro, illamento e misterio”, relata dunha experiencia que o levou a tratar de plasmar esas sensacións na súa obra, como fixo en Vaxholm, un porxecto integrado por un tríptico pictórico de grandes dimensións, “que se corresponde cunha visión panorámica da paisaxe”, e que acompañou así mesmo dun caderno de pequeno formato, “que se corresponde cunha visión máis secuencial, que ten máis que ver coa idea de viaxe”.

Un xurado integrado polo galerista Jorge Alcolea, os xornalistas Tom Burns e Fernando Jáuregui, o artista plástico José Manuel Ciria, o crítico e xornalista Carlos García-Osuna, os comsiarios Julieta de Haro e Javier Martín-Jiménez, o director do xornal La Razón, Francisco Marhuenda, e o ex-director do Museo e Fundación Thyssen-Bornemisza Miguel Ángel Recio foi o encargado de decidir as obras premiadas neste certame, que conta co apoio da Universidad Franisco de Vitoria como coordinador académico e da Universidad ReyJuan Carlos como patrocinador académico e no que as tres obras premiadas pasarán a forma parte da colección de Ahorro Corporación Financiera-Iberlending. “Este premio constitúe unha proba do elevado nivel dos alumnos do grao en Belas Artes das universidades de toda España; o número de candidaturas foi importante, ao igual que a calidade das obras presentadas”, salientou a este respecto o presidente do comité de selección encargado de escoller as 19 obras que forman parte desta exposición, Pablo López Raso, no acto de entrega de premios celebrado na noite do xoves nesta galería madrileña, segundo recolle a organización nun comunicado.