DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade acolle un mercadiño e diferentes actuacións musicais

Belas Artes viaxa á década de 1980 na celebración de San Ero

O centro celebra tamén esta tarde un coloquio sobre autoedición e cómic experimental

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Asociacións de Estudantes
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 09/05/2019

Un mercadiño no que o alumnado da facultade exhibe as súas creacións, un concurso de debuxo, actuacións musicais e unha mesa de debate sobre autoedición, fanzines e cómic experimental sucédense ao longo deste xoves na Facultade de Belas Artes con motivo da celebración do seu patrón, San Ero. Celebración que neste curso combina como temáticas a “estética dos anos 80 e o típico acto de graduación estadounidense”, segundo explica Antón Sobral, un dos alumnos responsables da organización dunha serie de actividades que buscan “mostrar un pouco que dentro de Belas Artes conflúen persoas con inquedanzas moi diferentes” e que se complementa pola tarde polo coloquio sobre autoedición organizado polo Decanato. 

Impulsada desde a Delegación de Estudantes e organizada por unha comisión integrada por alumnado de diferentes cursos, a celebración abriuse esta mañá cun mercadiño no que máis dunha trintena de estudantes exhiben as súas creacións, e no que é posible adquirir desde ilustracións, fanzines, libros, adhesivos ou roupa. “O que buscamos sobre todo é mostrar o que se fai na facultade, que somos unha comunidade de xente creativa na que hai moitísima diversidade”, salienta Sobral da actividade que se desenvolve ata as seis da tarde. “Paréceme unha iniciativa moi boa, coa que igual gañas uns cartos que nunca veñen mal para comprar material, pero que sobre todo permiten dar a coñecer o que facemos”, engade nese mesmo senso Carla Philippon, unha das estudantes participantes nese mercadiño.

A celebración na que “se animou á xente á vir caracterizada” de acordo coas temáticas propostas complétase cunha serie de actuacións musicais ao longo da xornada, a cargo de Cherub, Boombajaxx, Verduleiras, Kylio Moi, Ciega y Peligrosa, Andrea Soliño, Malecho, Rivoira, Shy Kolbe, Lucas Skillz, F. Reckless, Porcas Celtas, Charlito, Hidden Rapouso, Serio Tacchini e Nüca, “aínda que tocaranos loitar contra a chuvia”, recoñece Sobral. Así mesmo, pola tarde terá lugar un concurso de debuxo, “no que os participantes debuxan durante un minuto a partires dun tema que se propón aleatoriamente”. Do mesmo xeito, tampouco faltou nesta celebración unha representación do “patrón” ao que o alumnado deu este ano unha estética inspirada nunha mascota de universidade americana e diante do que terá lugar tamén esta tarde a proclamación do “rei e a raíña deste San Ero, seguindo un pouco os clichés que se ven nas películas”, explica Sobral. 

O complemento académico á celebración

No marco desta xornada, a facultade acolle ás 19.00 horas un coloquio sobre fanzines e cómic experimental que, como explica a decana, Silvia García, partiu do feito “de que o alumnado reclamaba que o San Ero tivera tamén un contido académico” e que ademais aborda un aspecto “complementario ao propio mercadiño”, no que se presentaban diferentes publicacións autoeditadas polos propios estudantes. Pór en contacto ao alumnado con egresadas que actualmente “están realizando traballos de cómic experimental moi interesantes”, constitúe nese senso o obxectivo central, explica García, do debate no que participan as egresadas Begoña García Alén e Cynthia Alfonso, xunto ao deseñador gráfico Mauro Trastoy. 

“Para min a autoedición foi fundamental para experimentar coa publicación dos meus traballos”, salienta García-Alén dun campo de traballo no que “as posibilidades son amplísimas” e que permite ademais difundir as creacións dunha “forma sinxela, sen ter o apoio dunha editorial detrás”. Relatar a súa experiencia profesional no mundo da banda deseñada, que a levou o pasado ano a ser nomeada ao premio a autor revelación no Salón do Cómic de Barcelona, constitúe nese senso o eixo da súa participación nunha mesa de debate que salienta como “unha boa oportunidade para que o alumnado que teña interese na linguaxe do cómic poida ter unha experiencia con xente que estamos publicando hoxe en día”.