A candidata de H2040 reuniuse con colectivos de diferentes escolas e facultades
Belén Rubio inicia en Ourense a campaña electoral apostando por unha maior autonomía e investimento para o campus
O catedrático Francisco Javier Rodríguez é a súa proposta para liderar a vicerreitoría deste campus
Este luns iniciouse oficialmente a campaña electoral das eleccións á Reitoría da Universidade de Vigo 2026 e cada unha das tres candidaturas presentadas escolleu un campus diferente para o seu arranque. Así, o campus de Ourense acolleu os actos de H2040, con Belén Rubio á súa cabeza. Ao longo da mañá, a candidata a reitora reuniuse con colectivos das escolas de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e das facultades de Historia e de Educación e Traballo Social, para trasladarlle as liñas xerais do seu programa e algunha das propostas específicas para o campus de Ourense e para cada un dos centros visitados, destacando aspectos como a súa aposta por unha maior “desconcentración e autonomía dos campus”.
Belén Rubio comezou presentado o seu equipo ao completo, destacando de xeito especial as dúas persoas que forman parte del que proceden do campus de Ourense, como son Francisco Javier Rodríguez, catedrático de Botánica e actual vicerreitor do campus de Ourense, que aspira a renovar neste cargo, e Alma Gómez, profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que é a proposta de H2040 para liderar a Vicerreitoría de Extensión Universitaria. Deste equipo, presentado o pasado venres no campus de Pontevedra e articulado en 11 vicerreitorías e unha secretaría xeral, puxo en valor a súa dilatada traxectoria en xestión institucional, afirmando que “coñecemos ben a casa desde dentro, sabemos moi ben o que funciona e onde incidir para mellorar”.
A candidata expuxo ao público presente nos diferentes actos en Ourense unha panorámica da súa proposta, articulada en 20 liñas programáticas, desenvolvida en 40 compromisos concretos e na que se aposta por seguir sendo “a universidade das persoas”. Entre as súas prioridades en caso de saír elixida, situou mellorar as condicións laborais do persoal docente e investigador e do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos; facer unha remuda xeracional planificada; facilitar a carreira académica e profesional; reducir a burocracia e mellorar o recoñecemento de méritos. En apartados como a docencia e estudantado, Belén Rubio destacou temas como a actualización da oferta académica de grao e mestrado, o mantemento das microcredenciais e potenciar as dobres titulacións e titulacións conxuntas internacionais, a empregabilidade e o aloxamento. En outros apartados, como investigación e transferencia, propuxo “máis apoio”, con iniciativas como a simplificación de procedementos de xestión de investigación coa creación dunha xanela única de xustificación; máis persoal técnico especializado en proxectos ou o desenvolvemento de microproxectos competitivos. Ao longo da súa intervención tamén adiantou medidas como retirar paulatinamente o uso do programa Sigma.
Gobernanza “moderna e próxima”
Entre os aspectos do seu programa salientados en Ourense tamén estivo a proposta “dunha gobernanza moderna e próxima” para a UVigo, sinalando que a “Universidade precisa de máis desconcentración e máis capacidade de resposta: decisións áxiles, equipos visibles nos centros e planificación con obxectivos medibles”. Para iso, Belén Rubio propón medidas como a creación dunha estrutura de intercambio, coordinación e apoio chamada Escola de Direccións e Decanatos e unha Oficina de Análise e Prospectiva, para a apoio á planificación e toma de decisións.
No marco deste modelo de gobernanza, a candidata recalcou a necesidade de abordar unha “desconcentración real” para o campus de Ourense, dándolle “máis autonomía e capacidade de resposta, máis axilidade” e tamén “máis investimento”. Este campus, lembrou a catedrática da UVigo, “medrou dun xeito desmesurado nos últimos anos” e hoxe en día, afirmou, “non é un campus periférico, é un campus protagonista ao que queremos darlle toda a forza e pulo que merece”. Para acadalo, entre outras propostas citou reforzar a marca Campus Auga; potenciar as fortalezas do campus; impulsar proxectos interdisciplinares; avanzar na proposta do soterramento do tramo da rúa Otero Pedrayo para unir as dúas zonas universitarias; a creación dun anfiteatro ao aire libre; a ampliación da residencia universitaria e a mellora dos espazos docentes e laboratorios e a modernización de edificios. Ademais, a candidata de H2040 a reitora avoga polo fortalecemento institucional, comprometéndose a unha “presenza real” do equipo reitoral no campus e a un diálogo permanente cos seus centros e servizos.
