DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María de los Ángeles Llorente afondou na súa tese de doutoramento no proxecto do Padre Silva

Benposta, unha utopía pedagóxica e social

A investigación ofrece unha detallada radiografía da súa evolución

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 10/09/2015

No ano 2000 Benposta pechou as súas portas e con elas os soños dun modelo pedagóxico e social. O proxecto do Padre Silva rematou con acusacións de malversación de fondos e especulación inmobiliaria e a morte do seu fundador. Foi un final difícil que relegou ao esquecemento o traballo desenvolvido durante case cinco décadas na Ciudad de los Muchachos e que sementou moitas dúbidas sobre a súa verdadeira historia e valía. Na súa tese de doutoramento, a docente xa xubilada María de los Ángeles Llorente quixo sacar á luz e analizar desde un punto de vista sistemático e científico os logros educativos e sociais desta comunidade. Benposta, sinala a xa doutora pola Universidade de Vigo, merecía “un final digno e de gratitude por un labor formativo de tantos mozos, que supliu nun momento concreto as carencias dun estado e dun país en situación de precariedade educativa”.

A tese, titulada Benposta, 50 anos de utopía pedagóxica e social, estivo dirixida polo docente Xosé Manuel Cid e foi presentada na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Nela realízase unha minuciosa análise da historia de Benposta, do seu alumnado, dos seus estudos, da súa proxección internacional, do seu proxecto pedagóxico e da súa significación histórica. A investigación comezou en 1997, en contacto co propio Padre Silva, e baseou os seus resultados nun extenso traballo de recompilación de material desta comunidade; en entrevistas a docentes, alumnado e ao Padre Silva; na recollida de información de fontes orais e na observación participante.

Respondendo ás necesidades de cada momento

Sobre a historia de Benposta, a investigadora ourensá sinala como desde os seus inicios en 1956 este proxecto ofrecía unha oferta cultural atractiva para os adolescentes, xa que presentaba a posibilidade de ter unha educación de maior calidade que a que tiveran os seus proxenitores. “Naqueles momentos Benposta supoñía a oportunidade de adquirir unha formación que o sistema educativo estatal non lles ía proporcionar”, advirte. Nos seus primeiros anos, comenta, a iniciativa vai expandíndose cunha oferta educativa dirixida sobre todo ao rural galego, sendo a década dos 60 e principios dos 70 o seu período álxido, cando nace o circo e cando Benposta acada un volume e presenza relevantes, chegando a superar algúns dos cursos os 1000 estudantes matriculados. Ano a ano medra a súa actividade e incorpóranse paulatinamente mulleres e alumnado estranxeiro, ata que na década dos 70 a utilidade do proxecto perde relevancia.

“Toda obra cumpre a súa función en momentos clave e esta función xa non é precisa para o alumnado español posto que todos teñen garantido un posto escolar desde a lei xeral de Educación de 1970”, recolle a tese de doutoramento. Coa aplicación desta lei comeza a enfocarse o proxecto de Benposta cara o alumnado estranxeiro, pasando de representar en 1970 o 5% do total ao 87% no curso 1999/2000. “A estes mozos ofrecíalles unha oportunidade para estudar no estranxeiro, prometéndolle a eles e ás súas familias un bo futuro”, sinala Llorente Fernández. Na década dos 70, engade, a consecuencia das xiras americanas do circo, prodúcese unha gran proxección de Benposta, coa fundación de diversas comunidades en Mozambique, Colombia, Santo Domingo, Nicaragua, Venezuela e Bolivia. “En todas elas pártese da mesma filosofía de traballo, cóidase o aspecto dirección da sede central pero dáselle independencia nas actuacións”, cometa a doutora. Probablemente debido ás súas condicións sociais, explica, as comunidades que naceron en Latinoamérica buscaron a súa integración coa contorna, o que significa unha diferenza respecto á comunidade orixinal de Benposta Ourense, que non acadou esa sinerxía.

Traballo, formación intelectual e participación social

Sobre o proxecto educativo de Benposta, María de los Ángeles Llorente subliña que desde os seus inicios se ideou como unha comunidade educativa e cristiá, como un movemento político e como unha acción pastoral. Entre as influencias pedagóxicas non autoritarias que tivo o Padre Silva para esta iniciativa, apunta a cuestións como a teoría da liberación, pedagoxías marxistas e socialistas e a inspiración da obra do Padre Joseph Carding e do Padre Flanagan, entre outros aspectos. Segundo recolle a tese, os tres piares fundamentais da constitución de Benposta foron o traballo, a formación intelectual e a participación social e o seu ideario educativo estaba composto por postulados como a educación integral, socializada e autoxestionaria; a metodoloxía liberadora, desde os valores cristiáns, e a pedagoxía activa, creativa, crítica investigativa e comunitaria, adaptada ás necesidades de cada persoas e estruturada en forma de autogoberno da comunidade.

“En Benposta, antes de educar ou ensinar para saber, educábase para ser. Importaba máis o que chegase a ser a persoa a nivel cívico e moral que o que a persoa chegase a saber a nivel escolar”, di Llorente. Para dar acollida a esta filosofía, a estrutura de Benposta, que se foi perfilando coa práctica, estivo composta basicamente de seis grandes zonas tanto en Ourense coma nas delegacións. Eran a zona de convivencia, onde estaban as instalacións de carácter social; a residencial; a escolar, con aulas de EXB, ESO, BUP, COU, FP, Radio e TV; a zona industrial, onde aprendían oficios; a zona deportiva e a zona verde. Nelas foise desenvolvendo unha actividade que ao longo dos anos tivo que reestruturarse debido a diferentes crises ata ver diminuído o nivel participativo dos rapaces nas decisións da comunidade e definitiva desaparición de Benposta.

Para o Padre Silva, comenta a doutora, “non resultou fácil sacar a súa obra adiante, tendo éxito e fracasos, angustias e alegrías. Pasou momentos de desasosego”. Froito do proxecto que el comezou e da xente que participou nel ao longo dos anos, a investigación sinala por último que “quizais a grande achega pedagóxica de Benposta é confiar na forza da comunidade para educar”. Por este motivo, sinala, “o seu sistema escolar debe ser difundido e coñecido polas novas xeracións, a un nivel parello ao doutras experiencias de signo parecido”.