Na mostra ‘Visionaire nº50: artist toys’, que pode visitarse ata o 31 de marzo
A biblioteca de Belas Artes propón un xogo interactivo a partir dunha exposición de matrioskas
Co obxectivo de promover un achegamento á arte contemporánea dun xeito lúdico
Ata o 31 de marzo pode visitarse na biblioteca da Facultade de Belas Artes Visionaire nº50: artist toys, unha mostra que combina a exhibición de dez matrioskas con deseños de diferentes artistas, cun xogo interactivo no que se convida ás e aos visitantes a identificar os autores e autoras das diferentes pezas. Concibida polos técnicos da biblioteca como un xeito de dar a coñecer algúns dos exemplares cos que conta este espazo, esta iniciativa, destacan, “desafía ao espectador a identificar a autoría de cada peza” nun panel con cen interruptores, valéndose para iso tanto das biografias e obras presentes nos paneis informativos, como de diferentes libros.
“Esta proposta lúdico-expositiva tenta que a visita se converta nunha experiencia participativa, onde o público se involucre activamente na exploración da arte contemporánea”, sinalan as e os responsables desta exposición, que busca facer da biblioteca “un espazo de xogo e descubrimento”, no que “achegarse á arte dunha maneira diferente”, a través do xogo.
Con esa idea, a exposición presenta por unha banda unha colección de dez matrioskas, “deseñadas por artistas de renome internacional”, como Alex Katz, Tim Nobre e Sue Webster, Tony Oursler, Rob Pruitt, Chip Kidd ou Robert Crumb. A carón da vitrina que reúne estas pezas, atópase un panel no que as persoas participantes nesta iniciativa poden “asociar cada matrioska co seu creador”. No caso, de acertar as dez, no panel acéndese unha luz e actívase unha bucina, á vez que deixa caer un bombón e unha tarxeta na que a persoa participante pode deixar os seus datos persoais e participar no sorteo “dun premio final sorpresa” que se levará a cabo o martes 1 de abril, como peche desta actividade.