DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa exposición ‘Oceánicas, pioneras de la oceanografía’ e outras actividades

A Biblioteca Universitaria mergúllase nas historias das mulleres do mar

A mostra pode visitarse ata o 15 de outubro, cando se trasladará ao edificio de CC Experimentais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI 07/10/2026

A Biblioteca Central acolle desde esta semana e ata o próximo xoves 15 a exposición Oceánicas, pioneras de la oceanografía, unha mostra itinerante organizada polo Instituto Español de Oceanografía, IEO, e a FECYT que percorre a historia de vinte mulleres científicas vinculadas ao estudo dos océanos. É a primeira de toda unha serie de iniciativas ás que ao longo das vindeiras semanas se irán sumando outras actividades coas que visibilizar o papel das mulleres no mundo mariño desde diferentes perspectivas, tanto científicas como sociais, económicas e culturais.

A través de doce paneis, Oceánicas recupera as traxectorias de vinte científicas que contribuíron de maneira decisiva ao coñecemento dos océanos e que, en moitos casos, permaneceron nun segundo plano fronte aos seus colegas homes. Entre elas figura Jeanne Baret, botánica francesa que no século XVIII se converteu na primeira muller en dar a volta ao mundo, disfrazada de home para poder participar na expedición; ou Marie Tharp, xeóloga mariña que, ante a prohibición de embarcar en buques de investigación, realizou desde terra o primeiro mapa dos fondos oceánicos do Atlántico.

A mostra tamén reivindica o legado de científicas como a galega Ángeles Alvariño, oceanógrafa do IEO que foi a primeira muller en embarcar nun buque oceanográfico inglés e á que se atribúe o descubrimento de 22 novas especies mariñas, así como o traballo de investigadoras actuais como Ana Ramos, cuxa actividade científica permitiu descubrir máis de medio cento de novas especies e contribuíu ao coñecemento e á conservación dos ecosistemas mariños fronte aos efectos do cambio climático. O percorrido complétase coa presenza doutras mulleres que, a día de hoxe, lideran a conservación dos océanos.

Ciencia, bibliografía e patrimonio oceanográfico

A exposición conta ademais cunha selección bibliográfica de fondos da Biblioteca Universitaria relacionados coas protagonistas da mostra e cos seus ámbitos de estudo e unha colección Oceánicas no buscador Perseo. Incorpórase, así mesmo, un novo número do Boletín Impacto, elaborado pola Área de Bibliometría, dedicado á produción científica en oceanografía das investigadoras da UVigo pertencentes aos grupos Laboratorio dos Océanos do Futuro, Oceanografía Biolóxica e Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica. O informe analiza a produción científica destas investigadoras durante o período comprendido entre 2016 e 2025 e pode consultarse integramente a través dun código QR dispoñible na propia exposición.

O achegamento á investigación oceanográfica complétase cunha pequena mostra de instrumentos antigos empregados na investigación en oceanografía química, así como con exemplares de moluscos, ourizos, corais e outros organismos mariños. Estes elementos permiten ofrecer unha aproximación máis visual e directa ás ferramentas, aos materiais e aos organismos que forman parte do traballo científico relacionado cos océanos.

Tras a súa estadía na Biblioteca Central, Oceánicas trasladarase ao edificio de Ciencias Experimentais, onde poderá visitarse do 19 ao 31 de outubro.

A outra cara do mar

Será precisamente nese momento cando a Biblioteca Central acolla a segunda exposición de Un Mar de mulleres: As outras mulleres do mar. Se Oceánicas pon o foco nas mulleres que contribuíron ao coñecemento científico dos océanos, esta outra mostra quere render homenaxe ás mulleres cuxo traballo foi e continúa a ser fundamental para a economía e a cultura marítima galegas.

A exposición reunirá unha selección bibliográfica relacionada coa presenza feminina na pesca, o marisqueo, a industria conserveira e outros ámbitos vinculados ao mar e contará tamén coas fotografías de Mar Caldas, profesora da Facultade de Belas Artes. Con esta segunda proposta, a Biblioteca Universitaria pretende ampliar a mirada sobre o papel das mulleres no ámbito marítimo e poñer en valor profesionais e traballadoras cuxas achegas foron esenciais para manter viva unha cultura do mar que forma parte da identidade de Galicia.

Un programa que continuará medrando

O proxecto Un Mar de mulleres conta coa colaboración da sede en Vigo do Instituto Español de Oceanografía e dos decanatos das facultades de Ciencias do Mar, Bioloxía e Química. Entre as actividades previstas figura tamén un encontro con Ana Ramos, unha das científicas protagonistas de Oceánicas, que ofrecerá unha charla, nunha data aínda por determinar, no edificio de Ciencias Experimentais. 

A Biblioteca Universitaria prevé incorporar novas actividades ao programa, que se irán comunicando proximamente, co obxectivo de manter aberto un espazo de divulgación e reflexión sobre o papel das mulleres nun ámbito tan estreitamente ligado á historia, á economía, á ciencia e á cultura de Galicia como é o mar.