DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En horario ininterrompido de 09.00h a 21.00h

As bibliotecas centrais dos campus abrirán nas fins de semana ata o 24 de xaneiro

Tamén a de Torrecedeira, pero só para os membros da comunidade universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 23/12/2020

Ata o domingo 24 de xaneiro, as bibliotecas centrais dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra ampliarán o seu horario de atención ao público co obxectivo de falicitar ao alumnado a preparación dos exames do primeiro cuadrimestre. Así, estas tres instalacións estarán dispoñibles os sábados e domingos en horario ininterrompido de 09.00h a 21.00h. Tamén abre co mesmo horario a biblioteca de Torrecedeira, pero neste caso o servizo restrínxese unicamente ao estudantado da Universidade de Vigo, de xeito que non se permite a entrada ao público alleo.

Con todo, por mor da situación da pandemia da covid-19 a capacidade das salas viuse reducida, polo que dende a Biblioteca Universitaria recomendan consultar a páxina web para informarse sobre a dispoñibilidade de postos de estudo nas catro bibliotecas en tempo real. Tamén lembran que o uso dos postos de estudo durante as fins de semana está sometido ás mesmas normas de seguridade que nos horarios ordinarios, en especial a obrigatoriedade de levar máscara e facer uso individual dos postos, sempre cunha separación non inferior a 1,5 metros en cada un dos seus catro lados. Ademais, durante estes horarios especiais as bibliotecas só prestan un servizo de espazo de estudo e de consulta de materiais bibliográficos de libre acceso, pero non outros servizos ordinarios como préstamo, préstamo interbibliotecario, acceso a recursos electrónicos etc.

Horario de Nadal de luns a venres

No período non lectivo de Nadal, entre hoxe 23 e o día 7 de xaneiro, ambos inclusive, as bibliotecas abrirán de luns a venres cun horario reducido. No caso de Vigo, a Biblioteca Central e a de Torrecedeira abren de 09.00h a 19.00h. As do Edificio de Ciencias Experimentais, as das facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía e Tradución e EE de Telecomunicación, de 09.00h a 14.00h, aínda que a de CCXX e do Traballo estará pechada do 28 de decembro ao 7 de xaneiro. No caso da biblioteca das escolas de Enxeñaría Indusitrial e Enxeñaría de Minas e Enerxía, o horario neste período será de 09.00h a 19.00h.

En Ourense, a Biblioteca Central Rosalía de Castro abrirá de 09.00h a 19.00h, o mesmo horario que a Central de Pontevedra, mentres, a de Belas Artes está dispoñible de 09.00h a 14.00h.