DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas centrais de Vigo e Ourense e na de Belas Artes en Pontevedra

As bibliotecas da UVigo organizan mostras de libros e material audiovisual que achegan as realidades das persoas LGTBIQA+ 

Nunha iniciativa da Unidade de Diversidade e o Servizo de Bibliotecas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Diversidade
  • Feiras e exposicións
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 09/04/2026

O 1 de abril celébrase o Día do Libro LGTBIQA+, unha efeméride que coincide co nacemento do poeta e ensaísta alacantino Juan Gil-Albert Simón (1904-1994), un referente na reivindicación da diversidade nunha época na que a orientación sexual era motivo de condena. “Hoxe, a súa figura lémbranos que o dereito a escribir, publicar e ler historias que nos representen é un símbolo de progreso e avance social”, reinvindica Raquel Rey, directora da Unidade de Diversidade da UVigo, que xunto ao Servizo de Bibliotecas da UVigo organiza ata o día 15 deste mes tres mostras co obxectivo de “dar visibilidade aos libros e audiovisuais de temática LGTBIQA+ presentes na institución, incluíndo investigacións de referencia como a de Sara Nieto (TFM Premio Egeria)”.

A iniciativa, que se enmarca no compromiso institucional da UVigo cos ODS 4, 5, 10 e 16, materialízase en exposicións bibliográficas e de material audiovisual de temática LGTBIQA+ nas bibliotecas Central, do campus de Vigo; na Central do campus de Ourense e na da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. “Queremos recordar que, grazas ao servizo de préstamo interbibliotecario, estes fondos están dispoñibles para toda a comunidade e público en xeral durante todo o curso, independentemente da exposición. Do mesmo xeito, a biblioteca fomenta o coñecemento destes e outros recursos de forma constante a través de actividades como o Clube de Lectura da Biblioteca Central de Ourense, que mantén a súa cita o último mércores de cada mes”, lembra a directora da Unidade de Diversidade, que agradece a implicación do persoal das bibliotecas da UVigo na organización destas mostras.

Promover a diversidade afectivo-sexual e achegar coñecemento

A través desta selección bibliográfica e artística, a UVigo persegue visibilizar as experiencias e realidades das persoas LGTBIQA+ para diminuír prexuízos; promover unha visión inclusiva da diversidade afectivo-sexual e de xénero; achegar coñecemento multidisciplinar vinculado ás teorías que estudan a diversidade; asentar as bases para facer da UVigo un espazo inclusivo e libre de discriminación; e favorecer a inclusión de todas as realidades persoais e familiares.

Na exposición da Biblioteca Central de Vigo, ademais de libros e fondos audiovisuais, pode visitarse a mostra fotográfica Corpos e Rostros B, cedida pola asociación Nós Mesmas, que preside a docente e investigadora da UVigo Soledad Torres. A exposición, que inclúe obras da fotógrafa Moni Kuti e está comisariada por Paola O. Velásques, reivindica a diversidade bisexual e plurisexual a través de 19 retratos e testemuños que rompen estereotipos e silencios.

Na Biblioteca Central do campus de Ourense, xunto a fondos bibliográficos propios, desenvólvese a mostra @XES. Propuestas artísticas para una nueva arquitectura social, un repertorio de creadoras e creadores que traballan e investigan sobre ou desde a diversidade ou a disidencia sexual e as cuestións de xénero. E pola súa banda, na biblioteca da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra pode visitarse unha mostra bibliográfica dos seus fondos centrada no ámbito da arte e a publicidade.

“Convidámoste a que esta mostra sexa a escusa perfecta para descubrir novas voces e narrativas que nos acompañen durante todo o ano. Porque ler é, tamén, un acto de liberdade”, sinala Raquel Rey.