DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala X acolle deste este venres unha escolma das máis de 600 obras que reuniu este evento internac

A Bienal de Cerveira reúne na Sala X as obras de 24 artistas de oito países

A mostra que poderá visitarse ata o 17 de decembro reúne os traballos de artistas de oito países

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 17/11/2017

A piques de cumprir 40 anos de historia, a Bienal Internacional de Arte de Cerveira reuniu o pasado verán na localidade lusa de Vila Nova de Cerveira máis de 600 obras de preto de 500 artistas de 35 países, distribuídas por 14 espazos polos que pasaron preto de 100.000 persoas. Con estas cifras como bagaxe e co propósito de defender a creación artística como “un medio de comunicación intercultural”, a Fundación Bienal de Arte de Cerveira achega á Sala X unha escolma das obras presentes na súa décimo novena edición, nunha exposición que poderá visitarse ata o 17 de decembro neste espazo da Facultade de Belas Artes, que reúne as creacións de 24 artistas de oito países, principalmente de fala hispana e lusófonos.

“A nosa intención é contribuír a abrir portas a diálogos e expectativas de como a obra de arte pode ser un medio de comunicación intercultural, permitindo compartir a visión de comunidades cunha identidade que pode ser ou non común”, salienta Cabral Pinto, coordinador artístico da XIX Bienal Internacional de Arte de Cerveira, a máis antiga da península, que celebrou a súa última edición entre o 15 de xullo e o 15 de setembro baixo o título Da Pop Arte às Trans-Vangardas, Apropriações da arte popular.

A selección de traballos pictóricos, escultóricos e de videcreacións coa que esta bienal protagoniza, por segunda vez, unha exposición na Sala X, está integrada por proxectos seleccionados no concurso internacional do evento, así como por obras pertencentes a artistas convidados a participar pola fundación organizadora, relata Pinto dunha mostra que “ten como obxectivo confrontar diversas linguaxes e opcións estáticas de artistas con narrativas semellantes” e que forma parte do proxecto Bienal Internacional de Cerveira: 40 anos que projetam o futuro, que conta co apoio da Dirección Xeral das Artes da República Portuguesa.

Pontes artísticas entre a lusofonía e os países de fala hispana

As e os creadores portugueses Alexandra de Pinho, Beatriz Cunha, Filipe Rodrigues, María Melo, Raquel Gralheiro, Elsa César, Henrique Silva, Bruno Caracol, Inés Norton, Pedro Sena Nunes, Tania Dinis e o colectivo luso-sueco Lelveibely integran a representación portuguesa nunha exposición na que España está representada polos traballos de Alfonso Vicente Rey, Edu, Fran Orallo e Miguel Ángel Rego. Mais, a escolma que a Fundación Bienal de Cerveira achega tamén a Pontevedra abrangue tamén as creacións do peruano Cristóbal, do angolano Henrique do Vale, da polaca Mariola Landowska, dos brasileiros Marcos Bonisson, Khalil Charif e Ravlander Mártis, e da colombiana Ximena Vesásques. “A maioría dos e as artistas presentes teñen como lingua materna o portugués e o español, que son ao longo da historia da bienal os países que sempre estiveron representados”, salienta Pinto.

Espírito de colaboración co norte de Portugal

Aínda que é a segunda vez que a bienal achega unha selección de obras ao espazo expositivo de Belas Artes, esta iniciativa enmárcase, como lembra a súa decana, Silvia García, “nunha colaboración institucional que vén de atrás” e que permitiu tamén inserir mostras de traballos da facultade na programación dunha bienal “na que adoita haber participación do alumnado e profesorado”. Mais, a exposición que na tarde deste venres inauguran o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; o adxunto ao presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Pedro Soares, e o vicepresidente da Fudación Bienal de Arte de Cerveira, Nuno Correia, xunto a García e Pinto; enmárcase, tamén, desde unha óptica máis ampla, na vontade de colaboración desta facultade coas institucións do norte de Portugal. “Consideramos que temos que unir esforzos tamén co que temos máis próximo”, salienta García, quen así mesmo destaca a oportunidade que esta iniciativa supón á hora “de enriquecer o ánimo internacional” dun espazo que deste xeito permite que o alumnado “poida ver o que se está a facer noutros contextos”.