DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto á cidadanía e impartido pola filósofa Elodie Moreau, terá lugar o 19 e 20 de xuño

A Bienal leva a Belas Artes un obradoiro sobre o papel da creación artística en tempos de guerra

A Sala Manuel Moldes é unha das sedes expositivas deste evento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 06/06/2025

Como pode a arte axudar á paz en tempos de guerra? É a arte unha vía de escape do mundo ou un xeito de transformalo? Arredor destas dúas preguntas articúlase o obradoiro que a filósofa Elodie Moreau impartirá os días 19 e 20 de xuño na Facultade de Belas Artes, no marco da programación da 32 Bienal de Arte de Pontevedra. Aberto ao conxunto da cidadanía, este seminario de filosofía práctica propón analizar “de xeito discursivo e participativo, as relacións entre arte e guerra” e insírese no conxunto de actividades complementarias dun evento que terá na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes unha das súas sedes expositivas.

Formada nas universidades de Galatasaray, Sorbona e Rennes 1 e, na traxectoria de Moreau combínase o seu labor como docente, co seu traballo en proxectos centrados na protección de especies en perigo de extinción e na preservación da memoria de poboacións obrigadas a migrar por causas ecolóxicas e sociais. Neste obradoiro, proporá “traballar sobre as relacións entre arte e guerra e sobre como a arte pode apoiar a paz ou dialogar con situacións de conflito”, como sinala o vicedecano Ignacio Pérez-Jofre. Aberto a toda a cidadanía, o seminario impartirase en inglés e conta con 12 prazas, debendo realizarse a inscrición a través do correo electrónico jofre@uvigo.es. Non obstante, tamén será posible asistir como oínte aos coloquios, sen necesidade de inscrición previa.

Este “seminario de filosofía práctica” arrancará na mañá do xoves 19 cunha sesión teórica e debate e continuará pola tarde cunha actividade na que as e os participantes levarán a cabo “unha colaxe baseada nas ideas que estiveran debatendo pola mañá”, explica Pérez-Jofre. Xa o venres 20, ás 12.00 horas, o obradoiro trasládase ás Ruínas de San Domingos, onde terá lugar un coloquio aberto arredor da instalación Barricade, que forma parte da bienal e que permitirá conectar “os conceptos e ideas principais do seminario” cunha peza concreta.

Formación e exposición

Baixo o lema de Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais, a bienal achegará á cidade as creacións de preto de 60 artistas de 28 nacionalidades, á vez que desenvolverá unha programación complementaria na que se insiren propostas como este seminario ou como o taller que en xullo impartirá nesta facultade a artista peruana Violeta Quispe. Financiado polo Departamento de Pintura, este segundo seminario permitirá achegar á facultade unha artista que enfoca a súa obra na denuncia da violencia de xénero e na discriminación cara as mulleres e “que vén de estar na Bienal de Venecia”, lembra Pérez-Jofre, que incide na oportunidade que a Bienal de Pontevedra supón á hora de que “artistas de primeira fila” poidan compartir “os seus procesos de creación” co estudantado. 

Por outra banda, o programa expositivo da bienal estenderase por doce espazos da cidade, entre os que se atopa a Sala Profesor Manuel Moldes, dependente da Vicerreitoría do campus. Neste espazo exhibiranse os proxectos de dous investigadores da Facultade de Belas Artes, Carlos Fer e Andrea Davila, gañadores do Certame de Residencias Artísticas Novos Valores do Museo de Pontevedra. Este galardón levou estes dous artistas a realizar unha estadía na Fundación Nicole & Walter Leblanc de Bruxelas e no Centro de Residencias Artísticas Matadero de Madrid, onde desenvolveron os proxectos artísticos que a partir do 21 de xullo poderán verse neste espazo expositivo. Nel, Davila presentará O corpo é terra que se converte en xardín en contacto coa auga, “unha instalación en proceso de explora a relación entre materia, corpo e auga”, como sinalan desde a organización. Carlos Fer, pola súa banda, amosará Exercicios para colgar unha pintura, un proxecto no que “investiga de que maneira a disposición física dunha pintura no espazo pode alterar radicalmente o seu sentido” e o xeito no que é percibida.

Tres profesoras da facultade, entre as artistas seleccionadas

Belas Artes estará presente tamén na programación desta Bienal de Pontevedra a través das creacións de tres das súas docentes, Almudena Fernández Fariña, Marina Núñez e Carmen Hermo, que forman parte das e dos preto de 60 artistas de 28 nacionalidades seleccionados para este evento. Nel, Fernández Fariña levará a cabo, no patio interior Edificio Castelao do Museo, a intervención Flor de seis pétalos, na que toma como referencia unha flor representada no tímpano orixinal da igrexa de San Martiño para promover unha reflexión “sobre a fraxilidade humana e a esperanza en tempos de crise”, segundo informa a organización. Ao mesmo tempo, a fachada deste edificio albergará unha das obras de Marina Núñez, Vida, “consistente en impresións dixitais sobre o vidro do edificio”, coas que a artista pon o foco no eixe temático da bienal, a guerra, facendo tamén uso das flores, neste caso como “símbolos de loita e renacemento”.

O simbolismo das flores e a súa “capacidade para transformarse e resistir” é tamén un dos eixes da instalación-retablo que Núñez deseñou para o Covento de Santa Clara, onde proxectará ademais a vídeocreación Flores heroicas/Lirios. Esta peza proxectarase no nicho central, arredor do que poderá atoparse Soñar o que te sueñen, unha obra que “se estende polos catorce nichos do retablo e mostra flores xigantes e heroicas”. Tamén no convento, poderá verse Nacer, unha instalación realizada por Carmen Hermo, tomando como punto de partida a iconografía do retablo para propor unha reflexión “sobre a fraxilidade e a incerteza da existencia humana”.