DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi elixida entre 30 investigadores e investigadoras nacionais como gañadora da sección Alimentación

A bióloga María Fernández, unha das mellores divulgadoras do certame Somos Científicos

A través de chats, as e os expertos interactuaron con estudantes de 85 centros de ensino de España e

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigar
DUVI 02/05/2018

Comunicar ciencia, divulgar coñecemento e poñer en valor o papel da investigación no desenvolvemento social e humano. Para visibilizar estes aspectos, o certame de divulgación Somos Científicos uniu entre o 16 e o 27 de abril 30 expertos e expertas de todo o Estado con estudantes de 85 centros de ensino de España e de países suramericanos. Organizado pola organizado por Fecyt e La Caixa, tratábase de interaccionar, de abrir liñas de diálogo en liña, de solucionar dúbidas e dar respostas a estes rapaces e rapazas sobre temas como alimentación, saúde, enerxía, nanotecnoloxía, robótica, química, bioloxía, etc. Os propios estudantes foron os encargados de elixir ao científico ou científica favorita, recoñecemento que nesta edición foi para a investigadora da Universidade de Vigo María Fernández, tomando a remuda de Alba Aguión, gañadora en 2017. Fernández proclamouse gañadora na sección de alimentación, na que participou falando sobre acuicultura e explicando ao alumnado como serán o peixes que se comerán no futuro.

A bióloga forma parte do grupo Recursos Xenéticos Mariños (ReXenMAr), ao abeiro do cal está a realizar a súa tese de doutoramento e unha estadía de pre-doutoramento en Tromso, no norte de Noruega, traballando nun proxecto de mellora do cultivo de bacallau. Declárase firme defensora da divulgación e a comunicación da ciencia e por iso se decidiu a participar nesta concurso. “Creo que é imprescindible que a sociedade saiba e entenda o que se investiga en ciencia”, explica, pero sobre todo defende a necesidade de que ese coñecemento chegue á xuventude.

Estudantado implicado e interesado en ciencia

A valoración de fai desta experiencia é moi positiva, tanto pola implicación como polo entusiasmo das e dos estudantes. “Algo que comezou como unha idea pequena de intentar divulgar ciencia, superou con creces as miñas expectativas”. O concurso divídese en bloques temáticos e, na zona de Alimentación, “durante estas dúas semanas puidemos debater temas de actualidade como a resistencia bacteriana, alimentos transxénicos, beneficios da acuicultura ou ata o gran problema dos microplásticos como contaminantes nos océanos”, explica Fernández. Pero tamén houbo tempo para dar consellos sobre grandes decisión como a elección de carreira, os pasos a seguir para ser científico ou as claves para unha dieta saudable. “Se tivese que quedarme con algo, quedaríame coa paixón por aprender dos estudantes e coa súa espontaneidade, é imposible predicir as súas preguntas!”. Remarca que dende o primeiro momento as e os estudantes que participaron nos chats amosaron emoción. “Con expresións como Ola! Non me creo que estea aquí falando con vós dinme conta da importancia desta iniciativa e de como influímos nos estudantes; eles foron os que me animaron cada día a querer recibir preguntas, participar nos chats e ata me fixeron valorar aínda máis o traballo que teño como investigadora”. Neste sentido, amósase moi agradecida ás e os estudantes participantes, “porque me fixeron repasar conceptos de bioloxía e outras ciencias ademais de retarme a saber explicalo dunha maneira concisa e sinxela; pero sobre todo grazas polos seus votos! Porque ter gañado este concurso supoñía moito para min e fíxome tamén darme conta do agradecidos que están os estudantes por terlles dedicado o meu tempo”.

María Fernández tamén ten palabras para os docentes, que animaron ao alumnado a participar, a facer preguntas e a debater en clase os temas tratados nos chats. “Creo que se notou o esforzo que todos fixeron por coñecer o noso traballo”, apunta a investigadora, que tamén destaca o traballo das organizadoras e do resto de científicos da zona Alimentación, “dos que aprendín moito, dende temas cárnicos ata a importancia dos lévedos”.

O futuro pasa pola divulgación

Para Fernández, o gran reto ao que se enfronta a ciencia para facerse forte no eido da divulgación é a falta de tempo. “A maioría dos científicos temos a axenda repleta de reunións, clases e viaxes polo que, ás veces, resulta moi difícil poder sacar algo de tempo libre para dedicarllo a divulgar o que facemos”. Neste contexto, valora moi positivamente iniciativas como Somos Científicos, que permite “comunicar ciencia a través de internet e dende calquera lugar do mundo”. O premio consisten en 500 euros que se deben investir en actividades relacionadas coa divulgación científica. Aínda non ten claro cal será a súa proposta pero amósase convencida de seguir facendo divulgación, “vou intentar visitar os colexios dos participantes ou organizar unha visita á Universidade de Vigo, xa que mo pediron moito e quizais poidamos deseñar un experimento xuntos”. Con todo, considera que aínda queda moito que transmitir á sociedade sobre acuicultura en concreto e sobre ciencia en xeral, “polo que agardo que isto non termine aquí e aparezan moitos proxectos futuros”.