DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de catro destacadas científicas nunha mesa redonda

Bioloxía celebra San Alberte reivindicando o papel da muller na ciencia

Entregáronse tamén os premios do 15º Concurso de Fotografía Científica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Premios
  • Cultura
D. Besadío DUVI 15/11/2018

Tras varios días de intensa actividade, de conferencias, charlas, concursos, exposicións... as facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química celebraron este xoves o día grande do seu patrón, San Alberte, e fixérono coa entrega de premios do seu tradicional Concurso de Fotografía Científica, cunha charla do divulgador científico Xurxo Mariño, pero tamén e, sobre todo, cunha mesa redonda na que se reivindicou o importante papel que as mulleres “exerceron, exercen e exercerán” no mundo da ciencia.

Alicia Estévez Toranzo, catedrática de Microbioloxía e primeira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias; Rosa Claramunt, catedrática de Química Orgánica da UNED e autora de varias obras sobre muller e ciencia; Rosa Ana Malvar, profesora de investigación do CSIC  e Carme Pampín, cofundadora de Galchimia, empresa galega líder no desenvolvemento de I+D para farmacéuticas, e presidenta de Bioga foron as protagonistas desta mesa redonda. Son catro nomes femininos representativos do panorama científico español actual. Catro mulleres cuxa traxectoria profesional xira arredor de cubetas e laboratorios e as catro están convencidas de que só a través do propio empoderamento das mulleres se pode chegar a superar o “innegable desequilibrio de xénero” que, a día de hoxe segue a existir neste sector, tanto a nivel académico como profesional. 

Se ben estaba previsto que moderara a mesa o recoñecido escritor e xornalista Manuel Rivas, cuestións de última hora impedíronlle asistir e finalmente foi a profesora do Departamento de Química Orgánica Magdalena Cid, a que se encargou desta tarefa.

“Se quedamos embarazadas descolgámonos da ciencia”

Cada unha desde a súa propia experiencia expuxeron os seus puntos de vista sobre a situación da muller na ciencia e sobre o desequilibrio que hai con respecto á posición da muller nos postos de responsabilidade, ao tempo que analizaron as principais causas deste desaxuste, botando tamén unha ollada ás principais políticas que, tanto desde España como desde Europa, poden axudar a que a situación mellore e, co tempo, chegue a desaparecer.

“Unha das causas máis importantes deste desequilibrio son os estereotipos que hai na sociedade sobre as diferentes capacidades que, supostamente, temos mulleres e homes. Véndennos que os homes están máis capacitados para as áreas tecnolóxicas e as mulleres máis para as áreas de humanidades e de coidado da familia”, recalcou Estévez Toranzo, ao que engadiu que a todo isto hai que engadir un tema “tremendamente importante” como é o da concienciación familiar.  Nesta liña,  a catedrática santiaguesa salientou a frase, “se quedamos embarazadas descolgámonos da ciencia”, como un clásico das conversas entre as mulleres novas que se dedican a esta profesión. “Hoxe en día o mundo científico é tremendamente competitivo e o simple feito de estar de baixa por maternidade uns meses xa te penaliza, pois pode traducirse nun artigo menos, nun proxecto menos de investigación... e, en definitiva, en lograr ou non un contrato de traballo”, recalcou Estévez.

“As solucións pasan por mil camiños, pero o máis importante sempre é a educación”

Para ir superando atrancos, a presidenta de Bioga teno claro. Desde o seu punto de vista as solucións pasan por mil camiños, pero o máis importante é sempre a educación. “Por suposto é básico promover políticas de igualdade, pero penso que o máis relevante é comezar pola base, pola educación aos nosos fillos e fillas nas escolas”, recalcou Pampín, ao que engadiu, a importancia de empoderar ás mulleres.  “Temos que ser nós as que realmente creamos que somos capaces de facelo e romper así os estereotipos”, salienta a principal cabeza visible dunha empresa, GalChimia, que nos últimos anos completou con éxito máis de mil proxectos no eido do descubrimento de fármacos.

As alumnas de Bioloxía copan os premios de fotografía científica

E se na mesa redonda o protagonismo foi para as mulleres, tamén elas foron as protagonistas da entrega dos premios do 15º Concurso de Fotografía Científica, unha edición na que se presentaron máis de medio cento de imaxes e que, finalmente, gañou a alumna de cuarto curso do Grao en Bioloxía Ana Arce, pola fotografía Dancing in the dark, Aurelia aurita, unha imaxe dunha medusa común (Aurelia aurita) que ben podería estar  ‘dancing in the dark’ -bailando na escuridade- tal e como reza no seu título, encabezado que evoca numerosas cancións e filmes americanos.

Xunto a esta imaxe premiouse tamén outra –sen título- da estudante de Química Laura Sánchez, e entregáronse dous accésits aos traballos: Mimetismo, de Daniel Alonso, e La fugacidad de Tara, de María Rodríguez, estudantes ambos da Facultade de Bioloxía.