DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes inaugurouse unha “versión reducida” da tradicional exposición de cogomelos

Bioloxía mantén a celebración de San Alberte adaptándoa ás actuais circunstancias sanitarias

Xa está aberto tamén o prazo de recepción de imaxes no 17º Concurso de Fotografía Científica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Académica
D. Besadío DUVI 03/11/2020

Afirma a profesora Marisa Castro, directora do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, que “non hai novembro sen San Martiño, nin outono sen cogomelos” e, xa centrados no ámbito académico, a frase podería seguir con que tampouco hai mes de novembro sen a tradicional celebración na Facultade de Bioloxía do seu patrón, San Alberte, festividade que este ano, como non podía ser doutro xeito, vén marcada polas medidas de prevención fronte a covid-19.

A exposición complétase cunha conferencia sobre cogomelos

Unha das actividades máis tradicionais desta celebración é a exposición de cogomelos, que cada ano converte o vestíbulo central do Edificio de Ciencias Experimentais nunha gran sala de exposicións. “Ante as actuais circunstancias sanitarias o que fixemos este ano foi reducir moito o tamaño da exposición, de maneira que se eviten as aglomeracións”, explica Castro, quen lembra que outros anos detrás desta mostra estaba o traballo coordinado dun equipo composto por máis de vinte voluntarios e voluntarias que percorrían practicamente toda Galicia na procura de exemplares. “Este ano o equipo limitouse a cinco persoas e cada un de nós movéndonos só dentro do noso propio concello, pero pareceunos importante seguir adiante coa exposición para manter a testemuña e que a tradición non decaia”, explica a docente, quen insiste en que as persoas que visiten a mostra deben manter estritamente as normas anticovid, tal e como se lembra nos carteis que foron colocados no propio lugar da mostra. Nesta ocasión a exposición poderá visitarse ata o vindeiro xoves día 12. “Ata hai cousa dunha semana foi un ano moi bo para os cogomelos”, apunta a coordinadora da exposición, quen explica que as fortes chuvias dos últimos días estragaron en parte a ‘colleita’.

Tamén arredor do mundo da micoloxía xirará a charla divulgativa Aféctalles o cambio climático aos cogomelos, que está prevista para o vindeiro 10 de novembro ás 12.00 horas e que impartirá a propia Marisa Castro. “O que intentarei nesta charla é romper mitos e, ao mesmo tempo, formular moitas preguntas para que as persoas que asistan se decaten de que non todo o que se está oíndo é real”, salienta a docente, ao que engade que comezará a charla facendo unha exposición xeral sobre o mundo dos cogomelos e como se comportan no campo, cales son as súas formas de nutrición e que ten que ver todo iso co clima. “Tratarei de explicar de xeito breve que é o cambio climático e que características ten o que estamos a sufrir neste momento”, explica Castro, facendo fincapé en que “cambios climáticos houbo sempre, desde que a Terra é Terra, o que pasa é que este está a ser moi acelerado e os organismos non están a conseguir adaptarse á mesma velocidade”. 

 Charla sobre a vacina da covid-19 do grupo Zendal 

Esta semana abriuse tamén o prazo para enviar imaxes ao 17º Concurso de Fotografía Científica. As persoas que queiran presentar as súas propostas poderán facelo ata o vindeiro día 9, admitíndose un máximo de tres obras por autor. As imaxes, tanto as premiadas como o resto das presentadas, exporanse no Edificio de Ciencias Experimentais e a entrega dos galardóns terá lugar o día 16 coincidindo co día grande de San Alberte que, nesta ocasión, se celebrará coa conferencia El desafío de producir una vacuna frente al SARS-CoV-2... en tiempo de coronavirus, impartida por Adolfo López Cruz, director de Produción de CZ-Veterinaria SA (Grupo Zendal) que, ademais de poder seguirse de xeito presencial no salón de actos da facultade –con capacidade limitada por razóns covid- tamén poderá seguirse en directo a través de UVigoTv.