DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Dereito Financeiro organiza un curso sobre unha temática “de inminente actualidade”

Blabacar, Uber, Walapop… Novos modelos de negocio e novos retos para a Administración Tributaria

Gratuíto e aberto ao público en xeral, as persoas interesadas poden inscribirse ata o 7 de febreiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Académica
D. Besadío DUVI 02/02/2023

Blablacar, Uber, Walapop, Vinted, Airbnb, Ebay… Os novos modelos de negocio xerados por e a través de plataformas dixitais supoñen un importante reto ao que se teñen que enfrontar as diferentes administracións tributarias da Unión Europea. Conscientes desta realidade, desde a Área de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Vigo organizaron para este mes un novo curso, gratuíto e aberto ao público en xeral, no que as persoas asistentes terán a oportunidade de pórse ao día dos diferentes instrumentos normativos cos que a Unión Europea trata de responder aos problemas tributarios que supoñen a posta en marcha destas novas iniciativas empresariais.

Con período de inscrición aberto ata o vindeiro 7 de febreiro, trátase da primeira actividade formativa que se lanza este ano dentro do Módulo Jean Monnet A cooperación entre administracións tributarias na contorna dixital da Unión Europea, dirixido polo profesor Luis Muleiro.  Especialmente útil para o estudantado do ámbito xurídico-social, o curso está tamén indicado para o persoal da Administración, profesionais e calquera outra persoa que estea interesada en coñecer o réxime xurídico e a aplicación das medidas xurídicas que se puxeron en marcha dende a UE ante as novas formas de facer negocios. “Os contidos abordan cuestións de inminente actualidade no eido dos desafíos aos que as Administracións tributarias se teñen que enfrontar na UE como consecuencia da dixitalización da economía e a implementación de novidosas medidas tributarias de carácter internacional”, subliña a coordinadora do curso, a profesora Mónica Siota.

Hai solucións para someter a gravame ás grandes empresas dixitais?

“Na última década xerouse un conxunto moi heteroxéneo, e rapidamente cambiante, de modos de produción e consumo  polo que, a través de plataformas dixitais, realízanse transaccións económicas ou compártense, activos, bens ou servizos a cambio, en ocasións, dunha contraprestación económica”, explica Siota.  Desde o seu punto de vista estes novos modelos de negocio supoñen importantes retos para o Dereito, en xeral, e para o tributario, en particular, debido ao feito de que as mencionadas transaccións presentan particularidades que, en gran medida, non están contempladas polas normas tributarias vixentes. “A propia Comisión Europea púxoo de manifesto, referindose á economía colaborativa, ao indicar que esta xera, entre outras, dificultades para identificar aos contribuíntes e aos ingresos impoñibles”. 

Por outra banda, a coordinadora do curso fai tamén fincapé, en que estes novos modelos de negocio provocaron un cambio de paradigma das estruturas empresariais, especialmente nas empresas multinacionais. Así, a posibilidade de desenvolver unha actividade económica desde calquera punto do globo, sen necesidade de dispor dos elementos físicos que normalmente son necesarios para ter unha presenza económica, permitiu unha paulatina redución da presenza física dos operadores económicos nas xurisdicións nas que se produce o consumo de bens e servizos. “Esta circunstancia provoca importantes problemas de fiscalidade internacional, tanto na imposición directa como indirecta; porque este tipo de empresas poden alcanzar un alto volume de ingresos con clientes dun Estado sen que este teña opción a gravalas, dada a moi probable ausencia dun establecemento permanente no seu territorio”, apunta a coordinadora do curso. “Por iso é polo que, nos últimos anos, estanse buscando solucións normativas -tanto desde instancias supranacionais como internas- para someter a gravame ás grandes empresas dixitais na xurisdición de mercado”.

Do 9 de febreiro ao 2 de marzo nos tres campus

Impartido por profesorado de Dereito administrativo e de Dereito financeiro e tributario da UVigo, o curso, de 20 horas de duración, celebrarase de forma presencial en aulas dos tres campus. O profesorado impartirá presencialmente a docencia desde unha desas aulas con conexión síncrona en remoto para todas elas. As persoas matriculadas poderán deste xeito acudir a calquera das tres aulas dispoñibles: salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, no caso do campus de Vigo; aula 2.3 da Facultade de Dereito, no campus de Ourense, e aula 9 da Facultade de Dirección e Xestión Pública, en Pontevedra. 

As clases, sempre en horario de tarde, arrancarán o 9 de febreiro e prolongaranse ata o 2 de marzo. As primeiras sesións, o xoves 9, correrán a cargo de Patricia Valcárcel e Rafael Fernández e nela  afondarase nas cuestións relacionadas coa coordinación, cooperación e intercambio de información entre as distintas administracións e, máis concretamente, no réxime xurídico da autorización administrativa de plataformas dixitais. Na seguinte sesión, o xoves 15, será Mónica Siota a encargada de introducir o tema das plataformas dixitais e as novas oportunidades de negocio na Unión Europea, cuestións que complementará o xoves 16 a profesora Soraya Rodríguez, afondando nas diferentes iniciativas lexislativas europeas para gravar a economía dixital. As sesións continuarán o xoves 23 da man do profesor Luis Muleiro que falará sobre a “necesaria revisión” do concepto de establecemento permanente e rematarán o 2 de marzo coa intervención de Jaime Aneiros, que se centrará nas dificultades para a aplicación do IVE nunha contorna dixital.