DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sexta edición comezará o vindeiro mes de outubro

Boas expectativas laborais para os graduados no curso de Especialista en Fisioterapia Termal e Balneoterapia

Unha das novidades deste ano é a creación do módulo de Hidrocinesiterapia que se impartirá no Balnea

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 04/09/2008
Co obxectivo de perfeccionar a formación dos seus estudantes en balneoterapia e termalismo, a Escola Universitaria de Fisioterapia organiza unha nova edición do curso Especialista Universitario en Fisioterapia Termal e Balneoterapia, co que os futuros profesionais teñen moitas posibilidades de incorporarse a compañías relacionadas con este sector. Segundo explicou a responsable do curso e subdirectora da escola, Eva Mª Lantarón, “os directores de balnearios e outros centros termais pídennos datos dos alumnos que teñen esta formación para poder contar con eles nas súas empresas”. Ademais, engadiu Lantarón, “temos constancia da traxectoria de graduados que actualmente desempeñan o seu labor en este tipo de centros, logo de realizar estes estudos especializados”.
Dirixido exclusivamente a diplomados en Fisioterapia, o curso chegará a súa sexta edición o vindeiro mes de outubro debido á elevada expectación que esperta entre esta comunidade, “quedando unha lista de espera de candidatos que non puideron entrar e que agardarán ata o próximo ano”, apuntou Eva Mª Lantarón.
Por outra banda, estes estudos de posgrao contan cun marcado carácter internacional ao acoller cada ano a profesionais procedentes de todo o mundo que veñen ata o campus a ampliar os seus coñecementos en técnicas termais.

Un amplo programa de contidos teóricos e prácticos

Cun total de 225 horas de duración, o curso estrutúrase en oito apartados que se impartirán desde o próximo mes de outubro ata maio do 2009. Unha das novidades coas que se atoparán os alumnos é a fusión de dous dos anteriores módulos nun novo baixo a denominación de Hidrocinesiterapia, e ao que este ano dedicaráselle unha semana completa no Balneario de Mondariz. Ademais, ao longo da súa formación os estudantes especializaranse en diferentes temas como a xestión de centros de hidroterapia ou a balneoterapia aplicada en patoloxías, en xeriatría, en estética, en neuroloxía e no deporte. Outras disciplinas destacadas nas que se afondará son a relaxación miofascial, o drenaxe linfático ou a reflexoterapia.
Ademais do de Mondariz, para as clases prácticas cóntase coa colaboración do Balneario de A Toxa, do Balneario de Termas de Cuntis e do Aplashtic Health & Sports de Pontevedra, así como coa participación do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia e da Asociación Española de Fisioterapeutas.

Inscrición e matrícula

Todos aqueles interesados en participar no curso, dirixido exclusivamente a diplomados en Fisioterapia, poderán formalizar a súa matrícula ata o vindeiro 3 de outubro. Bastará con enviar por fax a ficha de inscrición colgada na web da escola acompañada dunha fotocopia do DNI e do título universitario ao número 986801780. As prazas ofertadas son 16 polo que o criterio de admisión atenderá a orde de chegada das matrículas. O prezo do curso é de 2250 euros, se ben cada participante recibirá unha bolsa de 250 euros.

Máis información: VI Curso de Especialista Universitario en Fisioterapia Termal e Balneoterapia