DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugurado este venres, é froito da colaboración entre esta empresa, a Universidade e a Xunta

O Boeing Lab potenciará a formación no sector aeroespacial en Galicia

Tamén se entregaron os premios aos mellores TFG do alumnado de Aeronáutica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 27/11/2020

A Universidade de Vigo e Boeing celebraron este venres a inauguración, con carácter virtual debido á situación sanitaria, do Boeing Lab e a entrega de premios aos mellores traballos fin de grao do alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O laboratorio nace co obxectivo de potenciar a formación no sector aeroespacial en Galicia. As dúas iniciativas son froito da colaboración destas dúas entidades a través dun convenio de colaboración e no marco dun proxecto financiado pola Xunta de Galicia na Civil UAS Initiative.

Colaboración institucional no eido aeronáutico

Durante a inauguración do laboratorio e a entrega de premios, no que as autoridades participaron por videoconferencia, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, destacou como este laboratorio e os premios son unha mostra dos bos resultados que ofrece a colaboración público-privada. “Estamos moi satisfeitos con estas iniciativas e cos resultados acadados”, afirmou o reitor. Do laboratorio, Reigosa recalcou o seu interese para a formación do alumnado en materias aeronáuticas. Igualmente, felicitou ao alumnado premiado polos seus traballos e expresou o orgullo que supón para a institución académica contar xa coa primeira promoción de tituladas e titulados en Enxeñaría Aeroespacial, da que os premiados forman parte. Neste senso, Humberto Michinel, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, recalcou o compromiso deste centro con ofrecer ao sector “o talento mellor formado”.

Pola súa banda, Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta, destacou como o Boeing Lab será unha peza clave no desenvolvemento da industria aeroespacial de Galicia, ademais de “unha oportunidade única para o alumnado”. Neste senso, reivindicou a colaboración público-privada como a mellor fórmula para que o sector avance e puxo como exemplo o traballo conxunto que se está desenvolvendo arredor do Polo Aeroespacial de Galicia. “Galicia só pode competir co talento”, afirmou o vicepresidente. Asemade, José Enrique Román, director xeral de Boeing Research & Technology-Europe, subliñou durante a súa intervención o compromiso da compañía coa educación en tecnoloxía. "É todo un orgullo recoñecer os logros dos estudantes Alexandre Pazos Soneira, David Pérez Tavernier e Uxía García Luis polos innovadores proxectos finais que presentaron". Ademais, engadiu, no marco do convenio coa UVigo a entidade contratou a catro estudantes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo como bolseiros durante o verán de 2020 para que participasen no programa Galician SkyWay Project. “Isto é só un punto e seguido do que foi un traballo ben feito de colaboración público-privada”, recalcou José Enrique Román.

O Boeing Lab, instalado no edificio do Campus da Auga no campus de Ourense, conta, segundo explican os seus responsables, “cun versátil simulador de voo de última xeración que o alumnado poderá utilizar en numerosas áreas de investigación como as dinámicas de voo, os sistemas de aviación e o control do tráfico aéreo”. Está formado, detallan, por unha pantalla táctil multifunción que serve para manipular o panel de radio do voo, o piloto automático, a unidade de control do sistema de xestión de voo (FMS-CDU) e o sistema de instrumentos electrónicos de voo (EFIS). Pode configurarse como cabina analóxica (motor de pistóns e turbopropulsores) ou “cabina de cristal”.

Os traballos premiados

A primeira edición dos premios Boeing aos mellores traballos fin de grao de Aeroespacial distinguiron a tres estudantes da Universidade de Vigo. Alexandre Pazos conseguiu o primeiro premio polo seu traballo Proxecto ENEAS: deseño conceptual dun aeróstato para o estudo atmosférico de Venus, dirixido polos profesores Fermín Navarro e Carlos Ulloa. O proxecto, explica Alexandre Pazos, “é un deseño conceptual dun dirixible non tripulado para a exploración atmosférica e escáner superficial do noso planeta xemelgo, Venus”. O obxectivo da misión, detalla, “sería analizar a atmosfera a 55 quilómetros de altura, onde as condicións de presión e temperatura similares ás da superficie terrestre poderían permitir a existencia de vida bacteriana. A misión tamén permitiría comprender mellor o pasado de Venus, o cal tivo océanos e un clima similar á Terra antes de converterse no páramo que é hoxe día”.

O segundo premio foi para David Pérez, polo traballo Proxecto Argonaut: deseño conceptual dun drone para a exploración de Titán, dirixido igualmente por Fermín Navarro e Carlos Ulloa. “O deseño centrouse principalmente na aerodinámica, elixíndose unha configuración de á volante con capacidades de despegue e aterraxe verticais, esenciais para o labor de desentrañar os misterios que suscita o enorme satélite xélido de Saturno durante o tres anos de misión previstos”, comenta David Pérez. Entre estes misterios, destaca a alta posibilidade de albergar vida, a orixe descoñecida do metano que renova o seu "ciclo do metano" ou a posibilidade dun océano subterráneo. “A fin de atopar respostas, o deseño conceptual abarcou tamén o deseño estrutural, dun paracaídas, dun escudo térmico, dos modos de voo e de operación, selección de materiais, de equipos de voo e científicos para estudar atmosfera, terra e mares”, indica o premiado. Por último, Uxía García conseguiu o terceiro premio polo seu traballo Mellora da eficiencia do fluxo no interior de autoclaves de tratamento de pezas de material composto do sector aeronáutico, dirixido pola profesora Elena Martín e realizado en colaboración coa empresa Coasa no Parque Tecnolóxico de Galicia. “O proxecto consistiu no estudo (mediante diversas campañas experimentais e simulación numérica do fluído, ou CFD) da mellora da uniformidade no fluxo dun determinado autoclave da empresa Coasa (grupo Aernnova), mediante a instalación de difusores na porta de entrada”, indica Uxía García. Ademais, engade, tamén levou a cabo unha análise da influencia do posicionamento lonxitudinal e lateral de pezas, pertencentes a unha carga real, sobre o campo termo-fluído-dinámico ao redor das mesmas.

No marco da Civil UAS Initiative

Esta colaboración entre a UVigo e Boeing é resultado, explican desde a empresa, dos servizos e traballos realizados por Boeing con cofinanciamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia no marco do Galician SkyWay Project. O financiamento procede nun 80% de fondos Feder correspondentes ao período 2014-2020, do programa operativo crecemento intelixente 2014-2020 (POCInt) procedentes do convenio de colaboración subscrito entre o Ministerio de Economía e Competitividade, a Axencia Galega de Innovación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para o desenvolvemento do programa Civil UAVs Initiative.