DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade lanza a primeira convocatoria ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0

Bolsas de mobilidade para promover o intercambio de coñecementos contra o machismo dixital 

Destinadas a alumnado de programas de doutoramento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 02/07/2019

Ata o 12 de xullo poderán presentarse as solicitudes para a primeira convocatoria de bolsas de mobilidade da Cátedra Feminismos 4.0 DEPO-UVIGO para o alumnado de programa de doutoramento da Universidade de Vigo. O obxectivo das bolsas é facilitar as estadías en centros de investigación para contribuír ao intercambio de coñecemento e á mellora e internacionalización da carreira investigadora con relación aos estudos con perspectiva de xénero da actual sociedade dixital, o denominado machismo dixital. 

Dependendo da duración, que non pode superar os 30 días, e do destino, que pode ser calquera país do mundo, a contía máxima das bolsas é de 3000 euros e delas poderá beneficiarse calquera estudante matriculada ou matriculada no período de tutela da tese no curso 2018-2019, que realice entre o 1 de xullo e o 30 de outubro de 2019 unha estadía en centros de investigación radicados fóra de Galicia. A contía das axudas oscila entre os 20 euros ao día por manutención e 285 por desprazamentos para a península ibérica e Baleares e dos 30 euros diarios por manutención e 1050 por desprazamentos para Asia e Oceanía.

A primeira acción da Cátedra Feminismos 4.0

A convocatoria destas bolsas é a primeira acción da Cátedra Feminismos 4.0 DEPO-UVIGO, que botou a andar a principios do pasado mes de xuño. Coa finalidade de introducir a perspectiva feminista na nova sociedade dixital, incrementar a representación feminina nas áreas científico-tecnolóxicas (STEM), ao tempo que se introduce de xeito transversal a formación en igualdade, a cátedra desenvolverá unha serie de accións, como a convocatoria destas bolsas, así como a realización dun seminario anual sobre feminismo e STEM, coa participación de investigadoras e enxeñeiras de referencia, en coordinación coa Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación e a Universidade de Vigo; e a promoción dunha epistemoloxía científico-tecnolóxica con perspectiva de xénero e feminista, na que se favorezan liñas de investigación e innovación dirixidas a mudar desigualdades que se reproducen nas redes sociais, ademais de buscar estratexias destinadas a rematar co denominado machismo dixital.