DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Son unha iniciativa da Universidade, o Consello Social e a Deputación

As bolsas Ourense Exterior financiarán estudos de mestrado no campus a cinco residentes no estranxeiro

O prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de xuño

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Ourense 07/06/2019

Un ano máis e froito da colaboración entre a Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense veñen de convocarse as bolsas Ourense Exterior. A iniciativa axudará economicamente a cinco persoas residentes no estranxeiro a realizar un mestrado no campus de Ourense no curso 2019/2020. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 28 de xuño.

O obxectivo desta convocatoria, recóllese nas súas bases, “é  facilitar a mobilidade de cidadáns ourensáns, galegos e españois residentes no estranxeiro, aos seus descendentes e aos demais cidadáns estranxeiros residentes fóra de España para cursar estudos de primeiro de mestrado no campus de Ourense”. As estadías, indícase na convocatoria, proporcionarán aos beneficiarios e beneficiarias, “a oportunidade de achegarse á cultura dos seus antepasados e de coñecer en profundidade outro sistema universitario” ao mesmo tempo que se crea “unha ferramenta moi útil co fin de dar a coñecer no eido internacional a oferta educativa de calidade que na actualidade está a ofrecer o campus de Ourense”.

Dotación de 24.500 euros

Pode participar na convocatoria Ourense Exterior alumnado que resida nun país estranxeiro, que estea en posesión dos requisitos académicos necesarios para acceder á titulación de mestrado que pretende cursar en modalidade presencial no campus de Ourense e que realice o compromiso de matrícula nalgunha titulación de mestrado neste campus e de residir nel. Queda excluído desta convocatoria o alumnado estranxeiro que acceda á Universidade de Vigo a través de calquera programa de mobilidade internacional.

Na avaliación das candidaturas a comisión encargada de facela terá en conta aspectos como a nota media do expediente académico que dá acceso aos estudos de mestrado; a condición de emigrante ou descendente de emigrantes ourensáns, galegos ou españois; a acreditación do coñecemento da lingua galega e a memoria sobre a motivación de estudar no campus de Ourense e a aplicación futura dos coñecementos que adquirirá a persoa beneficiaria. No caso de que non se acredite o coñecemento da lingua galega a ou o solicitante deberá presentar por escrito o seu compromiso de asistir a un curso de formación en lingua galega de, como mínimo, 15 horas entre os ofertados ao longo do curso académico por parte da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, sendo a matrícula neste curso gratuíta.

A contía das bolsas inclúe para cada beneficiario ou beneficiaria o importe dos prezos públicos por servizos académicos correspondentes ao curso 2019/2020, unha axuda de gastos de viaxe de ata unha contía de 600 euros e unha axuda de gastos de estadía por unha contía de 2500 euros. A dotación total da convocatoria ascende a 24.500 euros, 10.000 achegados pola Deputación de Ourense, 9000 pola Universidade de Vigo e 5500 polo Consello Social da Universidade de Vigo, asinando cada ano as entidades implicadas un convenio de colaboración para o desenvolvemento desta iniciativa.