DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bos resultados do Club Universidade de Vigo na Liga Galega de Orientación

Esta fin de semana desputouse a segunda proba na Pastoriza, Marín

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
M. Del Río DUVI 25/02/2008

A segunda proba da Liga Galega de Carreiras de Orientación deixou esta fin de semana resultados satisfactorios para o equipo da Universidade de Vigo. No monte de Pastoriza, no concello de Marín e organizada polo Club A Roelo Montañeiros, nesta competición tomaron parte 24 deportistas do equipo universitario.
Entre os resultados desta xornada de orientación, destaca o segundo posto obtido por José Luís Armada, en categoría homes 35, e o décimo en homes elite da man de Gonzalo Fernández Casalderrey. No que se refire ás mulleres, Andrea Lorenzo Rodríguez foi cuarta en damas 20 e Alicia Pérez Alonso, quinta en damas elite.
Fóra de concurso, por parte da Universidade de Vigo tamén participaron Marek Grzelczak e Alexey Shavel que, nos percorridos de máis alto nivel das competicións oficiais, obtiveron cadanseu primeiro posto.

Preparación do Campionato de España Universitario

A vindeira cita, correspondente á terceira carreira da XVII Liga Galega de Carreiras de Orientación, será en Forgoselos, no concello de As Pontes de García Rodríguez. Este desprazamento serviralle ao equipo universitario para prepararse de cara ao Campionato de España Universitario, que se celebrará os días 30 de abril e 1 de maio no Lago Castiñeiras, organizado pola Universidade de Vigo, e no que os compoñentes do equipo da Universidade confían en obter un bo resultado, xa que contan co aliciente de correr na súa terra.