Organizado pola UVigo, a USC, o Concello de Moaña, Idega, Ante e ArtigoTech
Bota a andar en Moaña a cuarta edición do Congreso Internacional de Cooperación, Xeopolítica e Participación Cidadá
O programa abriuse este vernes cun seminario sobre oportunidades laborais na UE
Cun seminario sobre as oportunidades laborais na UE arrancou en Moaña na mañá deste venres o IV Congreso Internacional de Cooperación, Xeopolítica e Participación Cidadá. O evento, organizado pola Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Moaña, Idega, Ante e ArtigoTech, reúne hoxe venres e mañá sábado a académicos, líderes sociais, responsables políticos, estudantes e membros da sociedade civil. Ao longo das dúas xornadas, as e os participantes poderán asistir a relatorios, mesas redondas e talleres, nun congreso de carácter participativo co foco posto na xeopolítica e inclusión, cun enfoque integral.
O simposio iniciouse esta mañá cun taller para mocidade e estudantado impartido por Giulia Martino, investigadora en Ecorys, que compartiu as súas reflexións e experiencias persoais e profesionais dun xeito dinámico e interactivo sobre as novas oportunidades da UE para a mocidade galega e a nova cidadanía europea a través da cooperación europea.
Construír unha xeopolítica máis próxima, transparente e accesible
O congreso, que repite sede en Moaña por cuarto verán consecutivo, destaca pola participación conxunta de académicos, alumnos de educación secundaria e universitaria, políticos locais e europeos así como entidades sociais de diversa índole compartindo un mesmo espazo de reflexión e participación. Baixo o lema de construír unha xeopolítica máis próxima, transparente e accesible, esta edición céntrase no futuro de Europa, un dos grandes retos que marcarán a próxima década.
A cita conta cunha destacada presenza internacional, con participantes procedentes de Bosnia-Herzegovina, Bélxica e Italia, entre outros países. De feito, como explica o investigador da Universidade de Vigo Breixo Martins, o evento deste ano destaca especialmente pola súa dimensión internacional e pola vontade de abrir o debate xeopolítico a toda a sociedade. “Queremos construír unha narrativa da xeopolítica máis transparente e máis accesible para a cidadanía”, sinalou.
Un dos momentos máis relevantes do programa é a participación da embaixadora de Bosnia-Herzegovina en España, Andree Zaimovic, que comparte esta tarde a súa visión sobre os desafíos europeos e as oportunidades de cooperación entre territorios aparentemente afastados, pero unidos por intereses comúns na construción dun futuro europeo máis sólido e inclusivo.
O congreso reforza ademais o seu carácter participativo coa incorporación de novos membros á organización e coa celebración de dous obradoiros específicos dirixidos á mocidade. Os talleres están pensados tanto para a xuventude de Moaña como para calquera persoa nova interesada en comprender mellor como os acontecementos internacionais inflúen directamente na súa vida cotiá.
O Congreso de Xeopolítica Participativa consolídase así como unha referencia na divulgación dos asuntos internacionais en Galicia, apostando por un formato aberto, plural e participativo que achega os grandes debates globais á sociedade.
Programa
Ademais da intervención da embaixadora de Bosnia, na tarde deste venres tamén intervirán Breixo Martins, da UVigo e Miodrag Matavulj, director do Center for Economic and Rural Development, BYH. A segunda parte da xornada terá a xuventude e a participación no contexto europeo como eixo central, coa presentación de proxectos por parte de alumnado de IES A Paralaia.
Mañá sábado, o congreso arrancará cun bloque titulado Europa na práctica, no que se falará sobre os Proxectos xeopolíticos na UE. Da Galiza a África da man de Rubén Lois, catedrático da USC; sobre a Cooperación interrexional UE–América Latina–Asia Central como motor para a mellora da calidade da docencia universitaria, con María Isabel Doval e María del Mar Peláez, profesoras da UVigo e sobre a tecnoloxía para o ben común dentro e fóra de Europa, da man da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento.
Tras unha pausa, o segundo bloque, titulado Do europeo ao global, incluirá a presentación de pílulas de xeopolítica da man de estudantes de Relacións Internacionais da UVigo sobre a guerra de Irán, o conflito palestino, o papel da UE no Ártico e a militarización dos estados. Tamén intervirá Viviana Buitrón, investigadora da USC, cun relatorio titulado Desde China a la mina de Doade en Galicia: Reflexiones desde la geografía sobre la territorialización de los extractivismos emergentes en Europa. Pechará a sesión Heriberto Cairo, catedrático da Complutense de Madrid, que abordará a transición a unha nova orde xeopolítica e as nacións sen Estado en Europa.
Como peche das xornadas, o Concello de Moaña organiza unha actividade especial nas carpinterías de ribeira rehabilitadas da Seara, onde os asistentes poderán achegarse á tradición marítima e mariñeira da vila nun encontro de convivencia que combinará reflexión internacional e identidade local.
