Coa celebración este xoves dunha dobre sesión, a constituínte e unha ordinaria
Bota a andar o novo Consello de Goberno da Universidade de Vigo
A reitora confirmou que xa se cubriu o 90% das prazas de grao ofertadas
Coa celebración este xoves dunha sesión constituínte e, de seguido, dunha sesión ordinaria do Consello de Goberno, o novo equipo de goberno toma as rendas da Universidade de Vigo. Na sesión ordinaria, a reitora Carmen García Mateo, presentou o seu primeiro informe no que avanzou as cifras de matrícula de primeiro ingreso nos graos, nos que a UVigo xa ten cubertas o 90% das prazas, e confirmou a realización de dous informes sobre a situación económico-financeira da institución.
A xornada arrancou cunha breve reunión extraordinaria que serviu para conformar a composición do Consello de Goberno da nova lexislatura, integrado por 59 membros, coa reitora Carmen García Mateo como presidenta; a secretaria xeral, Emma Rodríguez; e a xerenta, Ana Comesaña e os 15 membros designados pola reitora que, ademais dos dez vicerreitores e vicerreitoras, son os PDI Elena Alonso, Javier Hervés, Virxilio Rodríguez e Elsa Vázquez e o PTXAS Rafael Ameneiro.
A estes hai que sumar os 20 membros elixidos polo Claustro na sesión da pasada semana (dez PDI, oito estudantes e dous PTXAS), e outros 15 membros elixidos tamén polo Claustro entre as persoas que desempeñen a dirección dos centros e das unidades docentes e de I+D+i. Completan o Consello de Goberno tres membros do Consello Social alleos á comunidade universitaria (Xulio Calviño, Mª Elvira Larriba e Ernesto Pedrosa) e se recoñece a presenza con voz pero sen voto de tres representantes sindicais: Miguel Cuevas, Marta Pazos e José Manuel García Eirín.
Informe da reitora
No seu primeiro informe ante o Consello de Goberno, Carmen García Mateo comezou asegurando que a transición do anterior equipo de goberno ao novo segue a realizarse “de xeito ordenado e sen sobresaltos” e que será a finais do mes de setembro cando previsiblemente estea completamente despregado e operativo tanto o novo equipo de goberno, como as vicerreitorías, o gabinete da Reitora e a Xerencia.
En relación co proceso de matrícula nos graos que oferta a UVigo, a reitora confirmou que neste intre, no que se está a realizar o terceiro chamamento, das 3374 prazas ofertadas, un 90% xa están cubertas, quedando unhas 370 dispoñibles, mentres que a porcentaxe de titulacións pechadas elévase ao 75%. Un proceso que “se está a realizar sen contratempos” e no que a reitora agradeceu a implicación e o traballo do Servizo de Grao, das áreas académicas, direccións dos centros e da nova delegada e presidenta da CiUG, María del Carmen Cabeza Pereiro. Precisamente ao respecto desde proceso, na quenda de intervencións tomaron a palabra o director da EE Industrial, José Fariña, e o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Uxío Pérez para alertar do exceso de matrícula en ambos centros. No caso do centro vigués, o director apuntou que contan neste intre con 60 estudantes por riba das prazas ofertadas, igual que sucede en Pontevedra no grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte cun 19% de exceso. Ambos docentes solicitaron que se revise o sistema de asignación de prazas, algo que, como puntualizaba Fariña, “transcende á UVigo”. A reitora comprometeuse a traballar a futuro, da man da Consellería, da CIUG e das outras dúas universidades, para mellorar o sistema de admisión “que concordo en que necesita revisión”. Tamén se amosou favorable a que o sistema público oferte máis prazas para adaptar así a oferta á demanda real en determinadas titulacións e a curto prazo, comprometeuse a traballar para que este exceso de alumando “non supoña unha mingua na calidade da docencia”.
Noutra orde de cousas, García Mateo explicou que “para encarar as negociacións do novo Plan de Financiamento cómpre ter información detallada e solvente da situación económica e financeira da institución”, razón pola que, confirmou se encargou unha auditoría das contas anuais do exercicio 2025 a unha nova entidade auditora, que tamén realizará un informe, neste caso solicitado polo Consello Social, “cunha diagnose independente sobe aspectos clave como remanentes, capacidade financeira, evolución de gasto de persoal ou teito de gasto”.
En relación coas actualizacións das retribucións do persoal investigador, que abranguen desde o ano 2022 e ata a actualidade, a reitora confirmou que para executar a sentenza correspondente, “o persoal en activo percibirá os atrasos en tres bloques nas nóminas de setembro, outubro e novembro; mentres que para o persoal que xa non forma parte da Universidade, vaise habilitar un procedemento para que indique os seus datos bancarios e facer efectivo o pago dos atrasos”.
Polo demais, co gallo da celebración nas últimas horas do Día Europeo en Memoria das Vítimas de Crimes de Odio, Carmen García Mateo reiterou o compromiso da UVigo “para manterse moi vixiante, denunciar e rexeitar categoricamente calquera mensaxe ou conduta nas súas canles de comunicación que poida ser considerada delito de odio” e destacou a participación da institución nesta efeméride iluminando de cor azul a pasada noite os edificios de Ferro no campus de Ourense, Casa das Campás en Pontevedra e Redeiras a EEI de Torrecedeira en Vigo.
Regulamento de simultaneidade e adscrición do Centro Universitario Euses
Tras o informe de García Mateo, a primeira sesión do novo Consello de Goberno procedeu ao debate e aprobación dos temas recollidos na orde do día. En primeiro lugar, a vicerreitora de Persoal Docente e Investigador, Rebeca P. Díaz, anunciou a solicitude para a saída a concurso de tres prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde para o curso 2026/2027. Dúas delas serán de reposición para o Grao en Enxeñaría Biomédica por dúas renuncias e a terceira para o Grao en Fisioterapia por unha xubilación.
Os catro seguintes puntos foron presentados pola vicerreitora de Oferta Académica, Esther Pillado. Por unha banda, presentouse e aprobouse o Regulamento de simultaneidade de estudos oficias na Universidade de Vigo. Segundo explicou a Vicerreitora, esta é unha normativa que trata de “actualizar a normativa anterior que é de 2017 (modificada en 2020) e o seu obxectivo é regular a simultaneidade de ensinanzas universitarias oficiais que non estean organizadas en Programas Académicos de Simultaneidade de Dobres Titulacións cun Itinerario Específico”. A novidade máis importante “é permitir a matrícula ata 90 créditos (antes o límite estaba en 78), equiparando este estudantado ao que está matriculado en Programas Académicos de Simultaneidade de Dobres Titulacións cun Itinerario Específico”.
Nesta sesión tamén se aprobou o calendario e o procedemento para a aprobación de verificación e modificación de titulacións de grao, mestrado e doutoramento para o curso académico 2028/2029 que, como explicaba Pillado, “está consensuado coas universidades públicas do SUG como en anos anteriores”.
Os dous seguintes puntos avanzaron na tramitación da adscrición do Centro Universitario Euses á UVigo. Primeiramente, aprobouse a integración do expediente de aprobación do convenio de adscrición do Centro Universitario Euses Vigo á Universidade de Vigo mediante a incorporación do informe da Asesoría Xurídica. Unha vez incorporado este informe ao convenio de adscrición “que non se solicitara anteriormente pese a ser preceptivo de conformidade coa nosa normativa”, procedeuse á aprobación da remisión á Xunta de Galicia do expediente do Centro Universitario Euses Vigo como centro adscrito á Universidade de Vigo. Deste deito, o Consello de Goberno eleva a solicitude á Secretaría Xeral de Universidades, de modo que este é o derradeiro trámite interno deste proceso.
Finalmente procedeuse á elección de membros para varias comisión delegadas do Consello de Goberno: Organización Académica e Profesorado; Planificación e Asuntos Económicos; Investigación e Transferencia; e Extensión Universitaria e Estudantes. Só foi preciso facer votacións no sector PDI para a Comisión de Investigación e Transferencia e para a COAP, no resto dos casos houbo tantas candidaturas como postos. Ademais, tamén se elixiron os membros da Comisión de Reclamacións a Prazas de Profesorado Contratado.
