Dende hoxe luns ata o día 30 deste mes
Bota a andar a quincena de portas abertas para probar de balde os servizos deportivos dos tres campus
Tamén se poden adquirir xa os abonos mUVer, que dan acceso ás instalacións e actividades dirixidas
O inicio do curso, igual que o mes de xaneiro, é un dos momentos máis habituais para iniciarse ou retomar a práctica de calquera modalidade deportiva. Para animar á comunidade universitaria a dar o paso, a Área de Benestar, Saúde e Deporte ofrece unha serie de facilidades que axudarán a que non haxa escusas para non facer deporte.
Por unha banda, para as e os que aínda teñen dúbidas sobre que actividade facer e non coñecen as instalacións universitarias, dende hoxe luns ata o día 30 deste mes, todos os membros da comunidade universitaria poderán desfrutar dunha quincena de portas abertas que permite o acceso tanto aos ximnasios e outras instalacións, como ás actividades dirixidas. Deste xeito, ata finais de mes, todos os colectivos universitarios terán acceso de balde ás salas cardio-fitness, tenis de mesa, pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo) durante todo o seu horario de apertura. A isto hai que sumar a participación de balde en todas as actividades dirixidas de fitness que se organizan nos tres campus.
Xa se pode adquirir o abono mUVer
Todas estas facilidades son as que ofrece, unha vez remate o período de portas abertas, o abono mUVer, que xa se pode adquirir tanto para o primeiro cuadrimestre como para o curso completo ou tamén en modalidade mensual. Ademais do acceso ás citadas instalacións deportivas, o abono comprende un plan de adestramento individualizado, seguimento antropométrico, descontos nas escolas deportivas e nas actividades puntuais no medio natural, así como acceso gratuíto ás actividades dirixidas, cuxa oferta varía segundo o campus.
No caso de Vigo, a partir de hoxe luns arranca unha oferta que inclúe core (luns e mércores 15.00 a 15.50h); cross training (luns e mércores 19.00 a 19:50h); iniciación ao Jiu Jitsu (luns e mércores 20.00 a 20.50h); adestramento funcional (martes e xoves de 15.00 a 15.50h); ioga (martes e xoves 13.15 a 14.30h e martes 16 a 17.30h); iniciación á escalada en bloque (luns e mércores 18.00 a 18.50h); voleibol (luns de 18.00 a 20.00h) e deportes alternativos (17.00 a 20.00h).
Para o campus de Pontevedra están programas a partir de hoxe clases de bádminton (luns e mércores de 18.00 a 19.00h); pilates (luns e mércores de 19.00 a 19.45h); HIIT (luns e mércores de 20.00 a 20.45h) voleibol (luns e mércores de 20.00 a 21.00h); baloncesto (luns e mércores de 21.00 a 22.00h) e pickleball (luns de 17.00 a 18.00h e mércores de 16.00 a 17.00h).
Finalmente, en Ourense ábrese a inscrición en body pump (martes e xoves de 19.00 a 20.00h); ciclo indoor (martes e xoves de 20.00 a 21.00h); ioga (luns e mércores de 17.00 a 18.00 e 18.00 a 19.00h); adestramento funcional (luns e mércores 19.00 a 20.00h) e educación postural (luns e mércores de 20.00 a 21.00h). Todas estas actividades no campus de Ourense arrancarán o 1 de outubro, coa excepción do ioga, que arranca xa esta semana.
Prezos dos abonos
Os prezos do abono mUVer varían segundo a súa duración e colectivo ao que se pertenza. No caso de formar parte da comunidade universitaria ou ser membro da familia UVigo ou do colectivo alumni, os prezos varían entre 16,54 euros para o abono mensual ou de verán, 44,10 euros para o cuadrimestral e 77,18€ para o curso completo. Para outros colectivos vencellados á UVigo, os prezos son de 24,81€ para un abono mensual ou de verán, 66,15€ para un cuadrimestre e 115,76 euros para todo o ano. Finalmente, o público xeral, alleo á institución académica, tamén pode adquirir o seu abono, que varía entre os 33,08€ para os de curta duración, os 110,25 euros para un cuadrimestre e 198,45 euros para todo curso.
