DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Álvaro López Mira, director da Cátedra Alexandre Bóveda:

“Bóveda era unha figura claramente esquecida. Era imprescindible recuperala”

Xosé Manuel Beiras será o primeiro conferenciante da Cátedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 13/12/2007

O próximo martes, 18 de decembro, terá lugar a presentación en sociedade da Cátedra Alexandre Bóveda, creada pola Universidade co obxectivo de difundir as ciencias socias en Galicia. O acto, que terá lugar no Teatro Principal ás 20.30 horas, contará coa participación de Xosé Manuel Beiras quen falará da vida e obra do galeguista na conferencia Alexandre Bóveda ou Galicia como paixón. Baixo a dirección do profesor Álvaro López Mira, a cátedra pretende difundir a figura de Bóveda a través de varias liñas de actuación.

Por qué se escolleu a figura de Alexandre Bóveda para constituír esta cátedra?
Sobre todo porque era unha figura a reivindicar e a reincorporar ao acervo histórico galego, moi especialmente pola súa condición non só de intelectual, de economista, senón tamén de político. Foi un home de acción política, Castelao denominouno “o motor de explosión do nacionalismo político galego e do Estatuto de Autonomía de Galicia” e, por tanto, eu creo que era unha figura claramente esquecida polos acontecementos que rodearon a súa tráxica morte. Para nós era imprescindible recuperalo.

Como xurdiu a idea da cátedra e como se xestou a súa creación?
O proceso foi, como case todas as cousas, bastante longo. Partindo desta idea e da existencia xa dunha fundación co nome de Alexandre Bóveda con sede en Pontevedra, a Universidade, a través da Vicerreitoría de Relacións Institucionais, mostrou o seu interese por establecer vínculos tanto coa fundación como con outras institucións no afán de recuperar esta figura histórica. Isto sucedeu hai xa bastantes anos, co anterior equipo reitoral, o novo equipo retomou o tema e, por fin, despois de moitos esforzos, conseguiu consumarse neste ano 2007.

Fala da colaboración doutras institucións.
Si, son cinco institucións, de diverso talante, tanto públicas como privadas, as que están implicadas no proceso de creación da cátedra. Concretamente a Consellería de Cultura e Deporte, o Concello de Pontevedra, Caixanova, a Fundación Alexandre Bóveda e a propia Universidade de Vigo. É un motivo de satisfacción porque supón a implicación de entidades do ámbito público e privado na recuperación dunha figura histórica.

Cales son as principais liñas de actuación que ten a cátedra?
Neste momento temos catro grandes eixos de actuación por compendiar. Un é a presentación en sociedade da cátedra, que efectuaremos o próximo martes 18 de decembro no Teatro Principal de Pontevedra. En segundo lugar, difundir a obra escrita de Alexandre Bóveda a través da creación dun centro de documentación adscrito á cátedra. A continuación temos pensado crear tamén un premio de investigación que levará o nome do insigne galeguista, cunha dotación económica realmente importante, roldará os 20.000 euros e contará cun xurado de prestixio de diferentes áreas de coñecemento científico: humanidades, xurídico -social, económico e outros. Finalmente, temos planeado realizar unha actividade congresual arredor dos distintos eidos nos que traballou Alexandre Bóveda na súa breve vida e neste primeiro evento congresual, que obviamente se celebraría xa no 2008, queremos facer fincapé sobre todo nos aspectos económicos que tanto e tan ben traballou Bóveda.

Para esta presentación en sociedade contarase coa presenza de Xosé Manuel Beiras. Que pode aportar a súa intervención?
Eu creo que pode aportalo todo, pero vai ter pouco tempo para facelo, por iso se limitará a facer unha exposición xenérica dos distintos aspectos tanto da vida como da obra de Alexandre Bóveda. O título da conferencia Alexandre Bóveda ou Galicia como Paixón, resulta moi expresivo, suxerinte e incentivador para asistir. Ademais haberá unha actuación musical previa a cargo do cantautor galego Narf de gran éxito nos últimos tempos.

No que respecta ás actividades congresuais, hai xa algunha iniciativa prevista?
Algo hai, pero moi pouca cousa. Xa falei cunha persoa que probablemente se responsabilice das actividades congresuais, pero aínda está por definirse. O que temos pensado é facer un congreso de non moita duración pero si con figuras relevantes, pois considerámolo máis interesante. Probablemente terá lugar a metade de ano, coincidindo con algún evento histórico como foi a aprobación en referendo popular do Estatuto de Autonomía do 36. De feito, a data que escollemos para a conferencia inaugural do próximo martes, coincide co 75 aniversario da aprobación do Estatuto de Autonomía para Galicia pola asamblea de concellos en Santiago de Compostela en 1932. Trátase de reforzar a identidade da cátedra porque é unha data altamente simbólica.

Mecionou tamén un centro de documentación. En que consiste?
O centro de documentación será o encargado de catalogar o arquivo persoal de Bóveda e dixitalizalo en soportes que permitan a súa accesibilidade a todos os investigadores galegos. Xa está en marcha, temos varias persoas encargadas de realizar ese traballo que están en relación coa familia de Bóveda, que xenerosamente está poñendo a documentación a disposición do centro. Ademais xa foi presentado o coordinador do centro, Uxío Breogán Diéguez, que está dinamizando e activando a creación deste arquivo. No seu equipo conta cunha experta en arquivística, e un experto en dixitalización.

Que camiño se vai a seguir para facer pública esta información?
Faise camiño ao andar. En canto estea a documentación dixitalizada, nese intre poderase poñer, a través dun soporte web, á disposición dos investigadores.

Finalmente, o premio de investigación dotado con 20.000 euros é a outra liña de actuación da cátedra. A quen vai dirixido e cales son os prazos de inscrición?
As bases do premio aínda están por definirse. O único que podemos adiantar é que é un premio que lle dará moito prestixio aos investigadores que se presenten e, desde logo, a aquel que o obteña. Vai estar dirixido a toda a cidadanía, a todo aquel que queira participar.