Ata finais de xullo co gallo de curso 'Malas mulleres. Arquetipos femininos no terror'
Bruxas, vampiras, súcubos e nais monstruosas apodéranse do edificio Redeiras este verán
A docente Xiana Vázquez afonda en sete modelos con ampla presenza no cinema
“Os arquetipos femininos no terror están profundamente influídos por discursos sobre o rol das mulleres no espazo doméstico, na familia, na parella ou na sexualidade”, sinala Xiana Vázquez Bouzó, docente do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da UVigo e directora do curso Mala muller. Arquetipos femininos no terror. Ata finais do mes xullo case unha vintena de persoas participarán no edificio Redeiras neste curso de extensión da UVigo, no que Xiana Vázquez afondará en sete arquetipos, “escollidos pola súa ampla presenza no cinema de terror, aínda que tamén noutros xéneros”, que explica que seleccionou porque pensa que “dialogan moi ben uns cos outros, por exemplo a pantasma é moitas veces a bruxa á vez, ou as películas de posesión, que adoitan ter representacións importantes sobre maternidade”.
A bruxa, a nai do terror, a rapaza final do cinema slasher, a posuída, a vampiras, a pantasma e os súcubos protagonizarán as oito sesións do curso que comezou este luns coa introdución ao xénero do terror e os estudos feministas sobre o xénero, para logo centrarse no arquetipo da bruxa. “Persoalmente estes temas apaixónanme e tiña moitas ganas de compartilo nun formato coma e este curso de verán e pola parte máis académica, apetecíame reivindicar o xénero do terror, dado que adoita ter menos presenza nos currículos académicos, e ofrecer este espazo onde aprender, debater e conversar sobre estes personaxes”, explica Xiana Vázquez sobre razóns que a levaron a organizar esta formación de verán e ás que engade que “desde unha perspectiva feminista, o terror ofrece amplísimas posibilidades para entender e analizar criticamente certas construcións sociais patriarcais, véxase a figura da nai, así como as posibilidades de subversión feminista que propoñen outras maneiras de habitar o mundo”.
Diferenzas nos arquetipos femininos e masculinos tamén no cine de terro
Centrada nos estudos feministas e os estudos críticos animais, aplicados a narrativas, sobre todo cinematográficas, dentro dos xéneros do terror, gótico e ciencia ficción, a directora do curso xa traballara con anterioridade na figura da bruxa, a vampira e nai, “de feito agora estou cun texto sobre a representación da maternidade en cinema de ciencia ficción en conexión coas tecnoloxías reprodutivas e de coidados.
Xiana Vázquez incide nas diferentes substancias entre os arquetipos femininos e masculinos no cine de terror, “en tanto que as construcións de xénero difiren tamén e compleméntanse no discurso binario sobre o xénero”. En tanto o xénero de terror aliméntase dos medos e preocupacións sociais do momento e que unha das ansiedades colectivas por excelencia é a que arrodea ao xénero: as construcións binarias do masculino e o feminino, a heteronormatividade, a estabilidade da familia nuclear ou o pánico moral sobre as transgresións de xénero, os arquetipos femininos no terror están, segundo a directora do curso, profundamente influídos por discursos sobre o rol das mulleres no espazo doméstico, na familia, na parella ou na sexualidade.
“Por exemplo, as preocupación sociais nos anos 60 sobre a familia e as novas tecnoloxías reprodutivas (coma a píldora anticonceptiva) deron lugar a toda unha tradición de nais e proles monstruosas que comeza con Rosemary, de Rosemary’s baby. A figura da bruxa malvada é claramente unha anti-nai, unha muller que rexeita os roles establecidos e que pon en perigo o statu quo patriarcal. Nese sentido é no que son distintos dos masculinos. Porén, non debemos esquecer que os arquetipos masculinos vense influídos tamén polo xénero, e os constructos da masculinidade pódense atopar en arquetipos masculinos do cinema de terror coma o científico, o heroe protector, ou o pai”, detalla a docente e investigadora da UVigo.
