DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O evento foi organizado por preto de 70 estudantes como traballo para unha materia

'BuenaMente' enche CCSS e da Comunicación de actividades que poñen o foco na saúde mental

De clases de ioga ou relaxación a xogos ou actuacións musicais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 12/05/2022

Divididos en diferentes comisións de traballo, preto de 70 estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas promoveron na mañá deste xoves na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación un conxunto de actividades que tiñan como propósito concienciar ao alumnado da importancia da saúde mental. O evento BuenaMente naceu como traballo final para a materia Técnicas de Relacións Públicas, que imparten os profesores Iván Puentes, Vera Cruz Montoto e Juan Manuel Corbacho, e tiña como obxectivo ofrecer “ferramentas de resiliencia” ao alumnado universitario, así como “loitar contra os estigmas e a desinformación” respecto das actividades mentais, segundo explicaron desde a organización.

Con actividades que tiveron lugar tanto no interior como no exterior da facultade, o evento abrangueu un taller de técnicas de relaxación, desenvolvido coa colaboración da Facultade de Fisioterapia e impartido pola profesora Alejandra Alonso, xunto con clases de ioga impartidas por Michael Beloso, de Clínica Espaciom. Por outra banda, grazas á colaboración da Asociación de Jugger de Valadares levouse a cabo un torneo amigable deste deporte de contacto de orixe alemá, no que se convidaba aos e ás asistentes a “descargar malas enerxías e empregar a forza do estrés e das frustracións mediante golpes seguros con obxectos brandos”. Tamén no exterior do centro tivo lugar a exhibición de freestyle ImproMente, unha competición na que participaron Simm, Adriano, Gapcloser, Berros, Ykiam e Dury, que tiñan que realizar improvisacións a partir de palabras relacionadas coa saúde mental. Por último, o evento completouse con diferentes proxeccións de But milk is important, unha curta dos noruegueses Eirik Grønmo Bjørnsen e Anna Mantzaris centrada na ansiedade social, e cunha “actividade de identificación do nivel de estrés” na que os participantes ían inflando globos segundo o seu grao de identificación con diferentes afirmacións relacionadas co seu estado de ánimo. 

“Creo que está tendo moito éxito. Está participando moita xente e está tendo boa aceptación”, salientaba esta mañá a alumna Paola Regojo respecto do desenvolvemento desta xornada, que completou a aprendizaxe previa “tendo que resolver os problemas técnicos que foron xurdindo”. Integrante do equipo de comunicación de BuenaMente, Regojo lembrou nese senso que este evento é resultado de “moito traballo previo”, que abranguía desde a organización de actividades, ás tarefas de difusión ou o contacto con patrocinadores.