DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O percorrido desenvolverase durante once días coincidindo co Entroido

Bulgaria, destino da X Viaxe de Estudos Arqueolóxicos

Participarán 30 persoas entre alumnado e profesorado de Historia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Cultura
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 30/01/2019

Cada ano, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Geaat da Universidade de Vigo e a Delegación de Alumnos da Facultade de Historia organizan unha viaxe de estudos arqueolóxicos “autoxestionada, bastante alternativa, aventureira, moi participativa e a baixo custe”. Este 2019, cando se cumpre dez anos da súa posta en marcha, o destino elixido é Bulgaria.

A viaxe desenvolverase desde o venres 1 ao luns 11 de marzo de 2019. Durante os 11 días de percorrido, 30 persoas, principalmente alumnado, profesorado e egresados da Facultade de Historia do campus de Ourense, percorrerán diferentes zonas de Bulgaria para coñecer o seu patrimonio histórico e arqueolóxico. Dada a gran demanda de solicitudes, 42, a organización decidiu ampliar o número de prazas das 25 previstas inicialmente a 30, do mesmo xeito que aconteceu o curso pasado.

De Sofía ao mar Negro

Con moitas ganas de que se acheguen as datas de celebración, Lucía Rodríguez e Juan Galiña, membros da organización, salientan como esta viaxe agardan que sexa un pouco máis suave que a do ano pasado, xa que se realizarán menos quilómetros de percorrido en coche e coincide en marzo, co que confían en ter unhas condicións climáticas máis favorables. Segundo explican, Sofía, a capital de Bulgaria, será unha das grandes protagonistas da viaxe, percorrendo durante varios días os seus museos e xacementos. Logo iniciarán un percorrido de ida polo norte ata o mar Negro e de volta polo sur na que visitarán enclaves como Veliko Tarnovo, Varna, Burgas, Stara Zagora e Plovdiv e na que se centrarán en visitar os xacementos e museos dos asentamentos gregos, da Tracia grega.  

O obxectivo destas viaxes, explican desde a organización, é ofrecer ás e aos participantes viaxes culturalmente atractivas, centradas na temática arqueolóxica e patrimonial, pero moi diferentes dos paquetes turísticos convencionais. Ata o momento, os destinos escollidos foron en 2010 Inglaterra, en 2011 Turquía, en 2012 Alemaña, en 2013 Grecia, en 2014 Italia, en 2015 Turquía, en 2016 Bélxica, en 2017 Marrocos e en 2018 Italia.