Un ano máis, e xa van 19, a primavera volve traer ao campus de Vigo o mellor teatro feito desde as aulas do ensino superior cunha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu. A cita arranca este mércores, día cinco, coa actuación do grupo Maricastaña da Aula de Teatro de Ourense e prolongarase ata a primeira semana de maio, un mes no que tanto comunidade universitaria como resto de afeccionados poderán gozar dunha programación da que forman parte un total de seis grupos chegados de lugares como a propia cidade de Vigo, Lugo, Madrid ou Costa de Marfil. A entrada a todas as obras é libre ata completar aforamento, as catro primeiras serán no Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria e as dúas últimas, o dous e tres de maio, no auditorio do Concello de Vigo.
Chegados desde Ourense, o grupo Maricastaña será o encargado de abrir o pano do festival, será este mércores ás 18.30 horas, coa representación da obra A última cornixa, unha creación baseada na obra orixinal Océano mar, de Alessandro Baricco, e dirixida por Fernando Dacosta.
03/04/2017