Baixo as premisas dunha localización coidadosa, un deseño centrado en resolver as necesidades e unha construción que respecte o medio natural, o arquitecto Paulo Mendes da Rocha deseñou o novo anteproxecto de urbanización para o campus de Vigo que este mércores foi presentado polo vicerreitor de Planificación, José Cidrás. Esta nova proposta comprende importantes actuacións no ámbito das enxeñarías coa construción dun Centro de Investigación Tecnolóxica, Cintec, e unha zona de esparexemento ao aire libre cunha praza e zonas de aparcadoiros, “que veñen dar solución aos problemas actuais desta zona do campus”, apuntou Cidrás. Ademais, o proxecto comprende a construción do Sertic, edificio destinado ás tecnoloxías da información e comunicación, un novo parque móbil, un pavillón polideportivo e a apertura dunha nova canle de circulación, así como a nova escola infantil, a sede social e un módulo de vivendas.
28/04/2010