“Un lugar no que calquera persoa poderá estudar o que queira relacionado co mar ao máis alto nivel mundial”, así define o comisionado Emilio Fernández a Escola de Posgrao que promove a Universidade de Vigo, a primeira destas características a nivel estatal, ao abeiro do proxecto do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar. O principal obxectivo é conseguir un foco de referencia, a nivel nacional e internacional, para a formación de posgrao en todos os ámbitos de coñecemento relacionados co mar.
Concibido desde o seu nacemento coma un centro internacional, unha das funcións principais que terá a escola será “incorporar e atraer estudantes brillantes de fóra do noso territorio e que convivan cos nosos”, salienta Fernández. As principais estratexias para atraer estes cerebros basearanse en ofrecer unha oferta docente de excelencia que se traducirá en titulacións conxuntas entre as seis universidades que van formar parte da escola.
05/03/2010