Nin profesora, nin futbolista, nin veterinaria, nin enxeñeira, nin doutora. Raquel Uzal Gómez (Culleredo, 1988) tivo claro, relativamente cedo, que ningunha das profesións ás que de xeito maioritario queren dedicarse as nenas e os nenos sería a súa. Ávida lectora e espectadora de series de televisión, Raquel pronto reparou en que ningún deses libros e debuxos que tanto lle gustaban eran orixinais e polo tanto xamais podería ter acceso a eles de non ser pola tradución. “Indagas un pouco e ves que nos teus libros aparece en pequeniño o nome do tradutor, nunha páxina que ninguén le, e pensas que debería saír na portada, porque se non fose por el a ver quen ía dar lido a Roald Dahl en inglés ”, explica desde Londres a licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, que vén de ser galardoada co Premio Nacional Fin de Carreira 2010-2011.
14/05/2014