Loita, resistencia, resignación por momentos, superación e sempre dignidade, a dignidade da rabia de todas aquelas mulleres que tiveron que enfrontarse a un dos episodios máis escuros da historia, a represión franquista. Políticas, sindicalistas, traballadoras, esposas, fillas pero sobre todo mulleres, mulleres que, por selo, sufriron unha dobre represión, a ideolóxica e a machista. A través de 27 delas, o documental Digna rabia pretende poñerlle voz a outras moitas que converteron a súa rabia na súa propia dignidade. As súas testemuñas foron recollidas neste proxecto da Universidade e a Asociación Memoria Histórica de Ponteareas da man dos profesores de Filoloxía e Tradución, Ángel R. Gallardo e M. Victoria Martins.
08/03/2011