Durante os últimos vinte anos a presenza de estranxeiros en España, e tamén en Galicia, medrou enormemente, pero, pese a esta realidade, a tradución e interpretación nos servizos públicos galegos non goza dun recoñecemento institucional suficiente. Existe unha clara conciencia das necesidades de comunicación en determinados ámbitos, como o sanitario e nos xulgados, pero aínda non existe percepción sobre a necesidade de profesionalización desta actividade. Isto supón un grave risco, xa que os erros cometidos polas persoas que actúan como intérpretes poden prexudicar gravemente aos usuarios que ven minguados os seus dereitos ao non poderen acceder aos servizos públicos en igualdade de condicións que o resto dos cidadáns. Así se reflicte no volume Tradución e interpretación nos servizos públicos asistenciais de Galicia, o primeiro estudo empírico que se fai na nosa comunidade autónoma sobre a tradución e a interpretación nos diferentes ámbitos dos servizos públicos e asistenciais galegos.
09/11/2012