O Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, unión virtual de grupos e centros de investigación e innovación en biomedicina da Universidade e do Complexo Universitario Hospitalario, Chuvi, conta xa cun importante respaldo internacional, un apoio que chega da man da Unión Europea e da aprobación do proxecto Biocaps, financiado polo 7º Programa Marco con 4,6 millóns de euros que se destinarán fundamentalmente á contratación de persoal e a dotación de equipamento. O proxecto botará a andar a partires do 1 de febreiro de 2013 e terá unha duración de 42 meses co obxectivo fundamental de conseguir un instituto de excelencia, non só de investigación, senón tamén de innovación biomédica.
A Universidade acolleu este venres a presentación do proxecto nun acto que contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e as principais impulsoras do proxecto: Carmen Navarro e África González.
05/10/2012