Con ilusión e co reto de que a internacionalización calle tamén no eido cultural, deportivo e no voluntariado. O ata agora vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, tomou posesión este luns como vicerreitor da nova e refundida Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, trala marcha de Xosé Henrique Costas, que deixa o seu cargo ao fronte de Extensión Universitaria para centrarse nun labor investigador “que teño enferruxado”. A fusión destas dúas áreas baixo a dirección de Fernández Iglesias abre novas vías de traballo que permiten ampliar e estender a visión de internacionalización, prioritaria a Universidade e Vigo, alén do eido da mobilidade. Ademais, é unha mostra máis do traballo colaborativo e estreito que ambos departamentos viñan desenvolvendo ata o momento. O reitor, Salustiano Mato deu a noraboa a Fernández Iglesias, “por aceptar este novo reto" e agradeceu a Xosé Henrique Costas o seu traballo nestes tres anos”, lamentando ter que prescindir dun “magnífico vicerreitor”.
29/04/2013