Un acto sinxelo no que o agarimo e a admiración rebulía en cada recuncho. Así foi a homenaxe organizada polos compañeiros do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, que ela mesma fundou e que tantos anos dirixiu, á profesora Camiño Noia, a persoa, a profesional “arroutada, apaixonada, valente, divertida, vital...” que puxo, pon e porá todo o seu empeño na defensa da lingua e da cultura do seu país, “alá van 40 anos dedicados á defensa do noso e a ilusión por conseguilo”, como ela mesma subliñou ao remate do acto. E que mellor maneira de homenaxear a alguén que dedicou a súa vida ás letras galegas, no senso máis amplo destas verbas, ca dedicándolle un libro, un volume cun título tan suxerinte como Sementar para os que veñan. Homenaxe a Camiño Noia, editado polos profesores Bieito Arias Freixedo, Xosé Mª Gómez Clemente e Gabriel Pérez Durán.
25/01/2013