A Universidade despediu o curso pasado coa nova da súa elección como nodo de coordinación da mobilidade entre Europa e o Norte de África dentro da convocatoria Erasmus Mundus. Co comezo do curso, este proxecto toma xa corpo e comeza a funcionar a súa engrenaxe cunha primeira xuntanza en Vigo na que se deron cita os representantes dos dez parceiros europeos e os dez norteafricanos, así como os seus centros asociados. Esta é a toma de contacto dos membros de GreenIT para poñer en marcha unha iniciativa que permitirá a formación e especialización e internacional de 185 persoas no eido das tecnoloxías verdes. A vicexerente de Internacionalización, Regina Carrera, foi a encargada de darlle a benvida aos representantes das universidades de España, Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Bulgaria e Polonia e de Tunicia, Marrocos, Exipto e Alxeria.
19/10/2012