Os vehículos eléctricos representan na actualidade unha alternativa real na redución de gases contaminantes, polución sonora, conxestión de tráfico… Neste contexto as bicicletas, patíns e cadeiras de rodas eléctricas albíscanse como boas opcións de transporte unipersoal, “sempre e cando ofrezan ao usuario a máxima autonomía, é dicir, mínimo consumo e mantemento, e flexibilidade de desprazamento”. Así o explican dende o Departamento de Enxeñaría Eléctrica, Xosé Manuel López Fernández e Pablo Pais Fajín, profesor e alumno encargados do deseño, cálculo, construción e montaxe dun prototipo de vehículo eléctrico de transporte unipersoal de tracción directa sen engrenaxes, baseado en motores de imáns permanentes. A principal vantaxe deste prototipo radica no feito de que mellora as prestacións dos clásicos motores de corrente continua, alimentados a partir de baterías convencionais a base de chumbo/acedo ou níquel/cadmio.
27/07/2011