Cumprindo as expectativas iniciais, o atleta de orixe marroquí, Hassan Lekhili fíxose, por segundo ano consecutivo, co primeiro posto da carreira 10 Km Cidade Universitaria na categoría masculina, mentres que a corredora Patricia Mendes liderou a clasificación feminina. As condicións meteorolóxicas non impediron que a competición, que xa vai pola súa quinta edición, batera un novo récord de participación con máis de 660 corredores, dos que 625 lograron rematar a carreira. Paralelamente, Solange Andreia Pereira, Sandra Mosquera e Andrea García, corredoras da Universidade de Vigo, acadaron o primeiro posto por equipos feminino no Campionato de España Universitario de Campo a través, disputado na localidade asturiana de Llaneda, esta fin de semana.
27/03/2011