Tres ouros, un por cada un dos loitadores da Universidade de Vigo que participaron no I Campionato de España Universitario celebrado en San Javier, Murcia. Ese foi o botín recollido por Miguel Masciopinto, estudante da Enxeñaría de Telecomunicación, na categoría de 66 kg, e os estudantes de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, José Luis Puentes, en 84 kg, e Diego Pallares, en 96 kg. Entre os tres puxeron de manifesto o gran nivel da loita galega na primeira cita universitaria da loita libre olímpica.
Ata 18 universidades participaron nesta proba, que aínda ten modalidade amateur, e que estaba inscrita dentro das actividades que rodearon ao Campionato de España sénior, no que os tres alumnos vigueses tamén loitaron co combinado galego que rematou no primeiro posto da clasificación por equipos.
15/03/2011