O catedrático de Zooloxía, Salustiano Mato, será o quinto reitor da Universidade de Vigo despois que a candidatura de Alternativa Universitaria que lidera acadase o 52,60% do voto ponderado. Tras un reconto marcado pola igualdade, Mato, conseguía pouco antes das 21.00 horas do xoves, confirmar a súa vitoria fronte á candidatura de Nova Universidade liderada por Jaime Cabeza que acadaba o 47,40%. Nunha xornada de votación na que foron os sectores do PDI-A, cun 90% e do PAS cun 75% os que acadaron as maiores porcentaxes de participación, seguidos do PDI-B cun 56% e o sector C (alumnado), cun 16%, Alternativa Universitaria revalidou o seu mandato por cuarta vez consecutiva. Como xa ocorrera en anteriores citas electorais a formación de Salustiano Mato obtivo a confianza de todos os sectores, agás do PAS que maioritariamente apoiou a Nova Universidade.
21/05/2010