A Consellería de Innovación e Industria ven de conceder aos profesores da Universidade e membros do grupo REDE, Xosé Manuel García, Xosé H.Vázquez e Xesús Lampón, a licenza para a elaboración dun modelo de Cadro de Mando Integral para a xestión do in.ci.te. (Innovación, Ciencia e Tecnoloxía), dentro do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica 2006-2010. Despois de presentarse a un concurso público e competir con outras empresas de España, a Universidade de Vigo en colaboración coas entidades viguesas Dhuman Consultores e AsiRed Servizos Telemáticos gañaron o concurso para levar a cabo a acción estratéxica de avaliación, seguimento e control que permitirá o correcto desenvolvemento do proxecto.
Os membros do grupo REDE destacan a importancia deste proxecto pola presenza da Universidade de Vigo nestes tipo de concursos, "polo emprego de novas metodoloxías e ferramentas analíticas e, en definitiva, porque amosa que as políticas públicas da Xunta máis recentes, destinadas a incentivar a transferencia de coñecemento nas universidades, están ofrecendo resultados positivos”, sinala Vázquez.
17/02/2009