“Coherente, limpa e atrevida”. Estas son, segundo Fernando Suárez, director da Área de Imaxe da Universidade de Vigo, algunhas das características que debe ter a idea para o novo logotipo da institución académica que será elixida mediante un concurso ao que Suárez invitou a participar non só a profesionais, se non tamén a estudantes e a calquera persoa que “pense que pode aportar unha idea potente”.
O concurso internacional de ideas que está dotado cun premio único de 12000 euros pretende en palabras do reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, “trasladar a imaxe dunha institución moderna, atrevida e plural, a través dun logo que identifique as súas virtudes”. Gago que lembrou a transformación experimentada nas últimas dúas décadas polas institucións académicas que pasaron de ser “pechadas e autistas socialmente, a institucións abertas e socialmente activas”, destacou a forte aposta pola imaxe realizada na Universidade de Vigo, reflectida tanto na súa arquitectura como la incorporación das áreas de Imaxe e Comunicación á estrutura da institución.
23/09/2008