Os expertos auguran que a próxima xeración de conectividade móbil, a 5G, ofrecerá velocidades de ata 10 Gbps, arredor de 100 veces a mellor oferta do mercado na actualidade e, ademais da velocidade, esta nova xeración de banda ancha móbil traerá tamén un notable incremento no eido da seguridade. De momento son promesas pero para que se convertan en realidade son moitos os investigadores que están traballando xa no seu deseño, tamén na Universidade de Vigo, onde o Grupo de Tecnoloxías da Información, integrado en AtlantTIC, leva anos estudando o campo das denominadas redes sen fíos cooperativas. O seu traballo non pasou desapercibido para os organizadores do congreso internacional WiMob2014, cita de referencia no campo das comunicacións móbiles, que os elixiu para organizar un workshop sobre este tipo de redes, claves para o desenvolvemento da Internet do futuro.
16/06/2014